PLENO

O BNG insta o alcalde a convocar os consellos de participación cidadá

BNG
BNG
Desde a entrada do PSOE no Goberno local, dos 14 existentes, tan só tivo a reunión de constitución do Consello Municipal de Saúde sen volver convocalo e houbo numerosas demandas para o de Educación
O BNG insta o alcalde a convocar os consellos de participación cidadá

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para que o Goberno local proceda a convocar, nun período máximo de dous meses, os consellos de participación cidadá para facer partícipe a veciñanza e os colectivos sociais das decisións e asesoramento das políticas municipais.

Os consellos municipais de participación son instrumentos de carácter consultivo e de asesoramento ás políticas públicas e teñen a utilidade de fomentar a implicación de veciños e veciñas en asuntos de interese público.

O Concello de Santiago aprobou en 1988 un regulamento de participación cidadá e, a partir dese marco xeral, foi o BNG cando tiña responsabilidade de Goberno “quen marcou estes consellos como unha prioridade política” e así impulsou entre 1999 e o 2013 oito consellos de participación cidadá (relacións veciñais, económico e social, muller, mocidade, medio ambiente, normalización lingüística, educación e saúde), aos que entre 2013 e 2018 incorporou seis máis (servizos sociais, deportes, migración, cultura, centros socioculturais e maiores).

Coa entrada do PP no Goberno local produciuse un freo neste proceso. Deses 14 consellos de participación durante os catro anos que gobernou o PP só mantivo operativos o de relacións veciñais e o de servizos sociais, con carácter testemuñal. Os outros 12 non se chegaron a se convocar nin unha soa vez.

Coa entrada de Compostela Aberta, o BNG entendía que debía haber unha reactivación profunda e intensa destes instrumentos que demostraron o seu bo facer e a súa utilidade para Santiago de Compostela. Mais ese mecanismo de participación tampouco tivo boa acollida durante ese mandato e boa parte deles quedaron sen convocar, como xa se reclamou en reiteradas ocasións a petición dos propios colectivos que os integran.

O BNG vai seguir a reclamar, como fixo en mandatos anteriores, que se constitúan os consellos de participación cidadá, pois desde a entrada de Xosé Sánchez Bugallo como alcalde en 2019, tan só se convocou unha vez o de Saúde o 6 de outubro de 2020 cando xa transcorreron dous anos do seu Goberno.

Ademais, estes consellos de participación poden ser moi útiles para pulsar as demandas sociais e veciñais para estabelecer as prioridades na elaboración dos Orzamentos municipais, para que recollan as partidas necesarias que realmente demanda a poboación de Santiago de Compostela.

 

O BNG insta o alcalde a convocar os consellos de participación cidadá