ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde que entregue o documento de gastos desagregado para negociar os Orzamentos
O BNG advirte de que o estado da execución de 2021 é inferior ao 10% no capítulo de Investimentos, cos datos incluídos do terceiro trimestre
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, destacou o nulo interese do equipo de Goberno local en negociar os Orzamentos 2022 e reclamou que entreguen o documento de gastos desagregado coa proposta de investimentos que pensan realizar e as obras con proxecto que ten o Concello nestes momentos.
“O primeiro que pedimos é que executen, que non só se preocupen agora coas esixencias europeas e deixen de enganar a poboación poñendo no papel compromisos que non van cumprir”, indicou.
Referiuse, así, a que o Concello acaba de publicar o estado da execución incluíndo o terceiro trimestre de 2021, cunha porcentaxe inferior ao 10% no capítulo VI, de Investimentos, concretamente un 9,83. O ano 2020 rematou cun 21,85% de execución total nese capítulo. “De cada 100 euros orzados en investimentos, 78 ficaron sen gastar”, advertiu.
Todo iso cando o municipio de Santiago encabeza o ranking galego en presión fiscal por habitante, con 537,49 euros en 2019 e 514,03 en 2020, fronte a, por exemplo, os 409,28 e os 380 de Pontevedra, segundo os datos da Red Localis, a Rede local de administración pública.
Expuxo tamén o dato de que este Concello incumpriu todos os meses de 2021 o período medio de pago a provedores estabelecido en 30 días como máximo. No mes de setembro foi de 41,24 mais en agosto chegou aos 64,08. Isto ten repercusións para as pequenas e medianas empresas que non cobran en tempo e forma e para o Concello para poder utilizar os remanentes se o Goberno central obriga a amortizar débeda caso de non se cumprir o PMP.
Esta pésima xestión do Goberno local do PSOE repercute negativamente na economía local, con empresas que non cobran a tempo pola prestación de servizos, polas obras realizadas ou pola subministración de materiais para a administración. Sinalou, ademais, que a veciñanza esixe que se invistan ben os seus impostos, co control de empresas concesionarias e coa redacción de pregos que se adecúen ás súas necesidades, engadiu.
Ademais, realizou un repaso das cuestións aprobadas en Pleno e a priorización para os próximos anos. “Sabemos que non se pode facer todo nunha anualidade, mais se houbese unha planificación plurianual e se se executasen os orzamentos, estariamos noutra situación”, explicou.
Así, reclamou o mantemento dunha liña de axuda aos sectores afectados pola crise derivada da pandemia (cultura, comercio, hostalaría e turismo) e a creación dunha liña de axudas aos sectores afectados polas obras, de maneira moi especial do Barrio de San Pedro e Os Concheiros.
“O Goberno local coñece perfectamente as propostas do BNG de anos anteriores que non quixo incluír”, advertiu. Así, enumerou a construción dun aparcadoiro no Campus Sur e a realización do proxecto de aparcadoiro soterrado de Belvís, a redacción dun proxecto para instalar unha planta de compostaxe comarcal que pode supor 150 postos de traballo, o Centro de Día das Fontiñas e o necesario plan de mellora do barrio das Fontiñas tamén aprobado no Pleno, o cumprimento dos compromisos co rural en dotacións de saneamento e abastecemento, e o plan de mellora e accesibilidade do barrio da Estila, un barrio que está a poucos metros do centro da cidade e que ten unhas condicións indignas de mobilidade en pleno século XXI.
Lembrou tamén os parques cubertos no Castiñeiriño e nas Fontiñas, un compromiso dos orzamentos participativos sen realizar a día de hoxe, a solución de humanización con dotación alternativa de aparcamento para a veciñanza de Ultreia, a construción dunha sala de usos múltiplos no CSC da Rocha Forte, o plan de mellora e remate definitivo dunhas obras con numerosas deficiencias en Vista Alegre, a seguinte fase da obra de Castrón Douro-Sar, a fase pendente das obras nos Basquiños-A Pastoriza e a actuación integral de accesibilidade e rotura de tubaxes en Guadalupe- Ponderosa de Vite, a conclusión das obras de Puente la Reina.
Entre outras, destacou a dotación dun espazo para expoñer e facer intervencións didáctico-culturais coas escenografías de Kukas, a creación dun Museo de Fotografía, o Parque de skate en Conxo-Santa Marta, a Obra de humanización do Restollal, o Centro asesoramento LGBTI e o Plan para ONG e cooperación.
“E, se queren, hai cousas que non custan nada ou case nada no Orzamento municipal e non quixeron facer como erixir unha estatua en homenaxe a Ánxel Casal e Premio de Literatura Ánxel Casal, o Premio de tradución de Novela Europea do Casino, a feminización do rueiro coa incorporación de nomes de mulleres en rúas e espazos públicos, ademais de comprometerse coa homenaxe ou rúa a determinadas persoas aprobadas no Pleno como Lavandeira, Quintáns e Pilar Pereira, entre outras, ou convocar os consellos de participación cidadá que reclaman os colectivos e asociacións sociais e veciñais.