O BNG reclama a exención do IBI nos centros socioculturais propiedade de asociacións veciñais
Rubén Cela explica que nas reunións cos colectivos veciñais recibiu queixas do pagamento do IBI e dos gastos de auga e electricidade nestes centros públicos
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG reclama que dende a Concellaría de Facenda se conceda a exención do IBI aos centros socioculturais de Aríns e a Casa Agraria do Meixonfrío, que son propiedade da veciñanza, igual que dispoñen os de titularidade municipal. Require tamén unha liña de axudas para corresponsabilizarse dos gastos derivados do uso da auga, da luz e da calefacción naqueles casos en que as actividades son organizadas polo Concello de Santiago de Compostela.
A diferenza entre os inmobles dedicados á actividade sociocultural que están exentos do pagamento do IBI e os que o teñen que pagar é que os primeiros son propiedade do Concello e os segundos da veciñanza.
Esta exención está recollida na Ordenanza 1.01 sobre o imposto sobre bens inmobles, referida aos inmobles previstos no artigo 62.1 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, gozarán da exención fiscal. Dentro destes inmobles atópanse, entre outros, os centros socioculturais, agás, o de Aríns e a Casa Agraria, segundo os datos que dispón o BNG a partir das reunións que mantén coas asociacións veciñais.
Deste xeito, o grupo municipal do BNG de Santiago, diante das queixas recibidas polas asociacións veciñais afectadas polo pagamento do IBI, defende unha solución ante o agravio comparativo en relación aos outros centros socioculturais.
Vivendas de protección pública
Outra das demandas veciñais que trasladará o BNG ao Pleno refírese ao pago do IBI das vivendas de protección pública, para o que require unha liña de axudas que contribúa a bonificar a aquelas persoas con dificultades económicas. Segundo explicou Rubén Cela, no Pleno sobre as ordenanzas fiscais aprobouse unha emenda do BNG para ampliar o prazo de bonificación para vivendas de protección pública, que agora se debe complementar cunha liña de axudas para persoas propietarias e en réxime de alugueiro mesmo rematados os períodos de carencia. Así, explicou que o BNG recibiu queixas sobre o desaxuste producido na publicidade institucional e o prazo real para demandar estas bonificacións fiscais.