O BNG reclama medidas de seguridade viaria na contorna do CEIP Ramón Cabanillas
A veciñanza da rúa da Estrada e das Santas Mariñas trasladoulle ao BNG as súas queixas pola ausencia de sinalización de zona escolar e falta de limpeza
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2015.- O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, logo das queixas da veciñanza da rúa da Estrada e das Santas Mariñas, requírelle ao alcalde medidas de seguridade viaria como a instalación de sinais de zona escolar e pasos de peóns elevados, ademais de velar pola limpeza da área de xogo infantil e da contorna do CEIP Ramón Cabanillas.
Nas inmediacións deste centro educativo, carécese dos necesarios sinais de limitación de velocidade destinados ás zonas escolares e de pasos de peóns suficientes. É unha zona pola que os vehículos transitan a unha velocidade inadecuada, o que implica inseguridade tanto para a veciñanza como para os nenos e nenas que acoden ao Ramón Cabanillas, xa que son rúas con moito tránsito de vehículos nos horarios de entrada e de saída do centro educativo.
Deste xeito, mentres non se realiza a reurbanización que precisa a zona, cómpren medidas inmediatas para a seguridade do tránsito peonil, que non supoñen un elevado investimento para as arcas municipais, como son a instalación de sinais verticais e horizontais, ademais de novos pasos de peóns elevados e que permitan unha maior accesibilidade para a veciñanza alén de medidas para calmar o tráfico.
Outra das queixas recibidas alude á falta de limpeza derivada, entre outros, dos excrementos de cans tanto na contorna do centro educativo como nas áreas de xogo infantil, para o que a veciñanza demanda que o Concello tome as medidas necesarias para facer cumprir a ordenanza municipal de posesión e custodia de animais.