PLENO

O BNG reclama un plan de actuación para mellorar o barrio das Fontiñas

BNG
BNG
Cómpre iluminar pasos peonís que entrañan risco para a seguranza viaria
O BNG reclama un plan de actuación para mellorar o barrio das Fontiñas

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2020.- O grupo municipal do BNG reclamou no Pleno desenvolver en 2020 un plan integral de actuación e mellora do barrio das Fontiñas que inclúa as demandas da veciñanza relativas á mobilidade, iluminación, zonas verdes e espazos culturais, entre outros.

Nos últimos anos, o barrio de Fontiñas viuse descoidado, sen o mantemento ordinario  necesario, con carencia de limpeza nas rúas, coa herba invadindo as beirarrúas, con baldosas levantadas que supoñen un risco para as persoas viandantes, con iluminación insuficiente e inadecuada, con  pasos de peóns en mal estado, mal iluminados e mal sinalizados, con especies arbóreas inadecuadas en determinados lugares, con inseguridade viaria como consecuencia de sebes que dificultan a visibilidade e con contedores sen lavar, entre outros. Para iso, é necesario realizar o mantemento permanente e xestión adecuada das instalacións públicas deste barrio, ademais de mellorar a limpeza dos espazos comúns, de acordo coas peticións trasladadas por veciños e veciñas.

Así mesmo, son evidentes as limitacións do tecido cultural para desenvolver as súas actividades programadas neste barrio. Para iso cómpre ampliar o  centro sociocultural das Fontiñas con novas instalacións e servizos como salón de actos-auditorio, horario continuado da biblioteca e espazos suficientes para dar cabida ás necesidades e propostas de actividades do barrio. Proponse adecuar un espazo público para o lecer adaptado a realizar diferentes eventos e festas.

En canto á mobilidade, non é oportuna a pretensión de instalar o sistema de aparcamento de pago, mediante a ORA, no barrio das Fontiñas. Lémbrase o problema do acceso ao aparcadoiro de Fontiñas, onde moitas veces non se respecta o ancho da entrada que resulta necesario para dar os xiros e provócase un tapón e atascos até que actúa o guindastre. Tamén é preciso reordenar as prazas de aparcadoiro con zonas reservadas para o estacionamento de pequenos intervalos de tempo, nomeadamente ao redor dos Xulgados, para realizar trámites de 15 minutos, co fin de que se garanta a rotación rápida. A iso súmaselle a proposta de permitir o aparcadoiro fóra do horario laborábel nas prazas reservadas aos xulgados, agás as reservadas ao Xulgado de garda, segundo recolle o texto da iniciativa. Isto xa foi unha petición do BNG aprobada no Pleno de xuño de 2018.

O Concello debe incluír unha partida orzamentaria para a revisión e substitución do pavimentado das rúas, pois na actualidade está levantado en moitos lugares que supoñen un perigo para as persoas que van a pé, nomeadamente para as persoas maiores, que corren o risco de caer coas baldosas mal asentadas.

Cómpre iluminar adecuadamente os pasos peonís en determinadas rúas que na actualidade son un risco para a seguranza viaria. Ademais, demándase mudar o tipo de iluminación para facilitar que a luz se proxecte sobre o lugar por onde cruzar, para reducir a contaminación luminosa e conseguir un aforro enerxético. Tamén é necesaria unha revisión do pintado dos pasos peonís con materiais reflectores que ofrezan seguridade para motociclistas.

A substitución das sebes de plantas de crecemento rápido na mediana da rúa de Roma por herba ou outras especies vexetais que conformen sebes de menor altura e de crecemento máis lento é outra das propostas. Tamén se propón a substitución dos plataneiros por outras especies arbóreas.

Cómpre deseñar un proxecto para maior uso e aproveitamento do Parque de Carlo Magno, ademais de executar as actuacións correspondentes para mellorar e adecuar o espazo de conexión entre o Parque de Carlo Magno co estadio de San Lázaro.

Do mesmo xeito que o Concello debe avaliar e promover as medidas adecuadas, con carácter urxente, para asegurar que os muros que rodean os bloques residenciais non supoñan un perigo para as persoas.

No ámbito social, demándase que a Xunta axilice a construción no barrio dun centro de día público para persoas maiores e dependentes, pois é unha zona onde se fan precisas estas instalacións e a demanda vai en aumento.

O BNG reclama un plan de actuación para mellorar o barrio das Fontiñas