PLENO
Goretti Sanmartín: “Son orzamentos que ignoran a participación e as propostas da veciñanza que trasladaba o BNG”
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020.- Os Orzamentos municipais de 2020 non contaron co apoio do BNG porque non presentan un modelo de cidade para avanzar en accesibilidade, en políticas ecoloxistas nin feministas, nin culturais, nin inclúen necesidades urxentes dos barrios, ademais de ignorar a necesidade de saneamento e abastecemento para o rural. “Son orzamentos curtopracistas que deixan ver que Sánchez Bugallo está instalado no pasado e dista moito de posuír un proxecto actualizado para Santiago de Compostela”, explicou no Pleno Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG. Os orzamentos aprobáronse cos votos a favor do PSOE, a abstención de CA, o voto en contra do BNG e o voto en contra do PP, xunto co voto de calidade do alcalde.
“Son orzamentos que dan as costas ás reivindicacións da comunidade educativa, ás asociacións do rural, ao tecido cultural, á mocidade que busca emprego e mesmo ao persoal municipal e iso responde á falta de diálogo e de vontade de chegar a acordos plurais e maioritarios”, destacou.
“Todos os grupos políticos asumimos un compromiso co rural e acordamos, por iniciativa da Ferusa e tras un traballo inxente, incluír unha cantidade para iniciar obras para ir dotando de saneamento e abastecemento os numerosos núcleos que non o teñen”, advertiu. O compromiso era consignar unha cantidade para iniciar as obras neste 2020 para ir dotando de saneamento e abastecemento os numerosos núcleos que carecen destes servizos, cunha proposta doada: comezar por aquelas vivendas que teñen o saneamento a menos de 500 m e polos lugares en que secaron fontes e ficaron sen auga os últimos anos. O acordo de PSOE e Compostela Aberta ignora este compromiso e inclúe 0 euros para estas infraestruturas básicas.
O Goberno local xa anunciou que vai vincular os remanentes, o diñeiro que non se gastou en 2019, a obras e accións relacionadas co Xacobeo co enfoque que defende o alcalde de primar as persoas visitantes sobre as que viven ou traballan en Compostela, un enfoque diferente do que defende o BNG.
Neste sentido, o BNG aposta por destinar eses fondos a pór en funcionamento o pagamento de impostos á carta, cun fraccionamento mensual á medida e que sirva tamén unha política social, ou a implementar xa rebaixas e beneficios para familias monoparentais. Tamén poderían utilizarse para recuperar a decadente Sala Iago, a pór en funcionamento un Espazo de Monicreques que expoña as escenografías de Kukas, o Centro de Fotografía e unha escultura a Ánxel Casal no Centenario da Grupo Nós. Son iniciativas, todas elas, aprobadas en Pleno ás que non lles asignaron orzamento.
O grupo de Goberno non tivo vontade de incluír peticións do BNG sustentadas en reclamacións veciñais como o aparcadoiro público do Campus Sur, necesario para dar servizo ao comercio do Ensanche, reducir o tráfico e o estacionamento en superficie e para recuperar a Residencia; a mudanza da cuberta das piscinas de Sar; nin a construción de vivendas de protección oficial en réxime de alugueiro para a mocidade en Xoán XXIII.
Tampouco figuran os parques cubertos das Fontiñas e o Castiñeiriño, o estudo para crear unha planta de compostaxe comarcal, un plan de conciliación e actividades extraescolares descentralizado nin compromiso do proxecto do centro para persoas sen fogar, á parte de que non consensuaron as mudanzas no Consello Municipal de Saúde porque aínda non o convocaron.
Estes Orzamentos non atenden demandas históricas dos barrios, nin o Plan integral para o barrio da Estila nin o Plan para as Fontiñas, ademais de condicionar o campo da festa do Castiñeiriño ou o aparcadoiro de Altiboia a que se vendan certas parcelas e recaden os fondos precisos para destinar a esas obras.
Se ben inclúen importantes partidas para a licitación de novos concursos de servizos como limpeza, parques e transporte público, isto non vai aparellado dun sistema de control das empresas concesionarias para que cumpran os contratos.