PLENO
O BNG reclama no Pleno a recuperación dos lavadoiros deteriorados de Laraño
A veciñanza presentara a proposta nos Orzamentos Participativos de 2017
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018.- O grupo municipal do BNG solicitará no vindeiro Pleno a rehabilitación e recuperación de lavadoiros na parroquia de Laraño, concretamente no lugar de Lamas e xunto a igrexa.
A veciñanza de Laraño trasladou a necesidade do arranxo de dous lavadoiros nesta mesma parroquia. Un deles atópase en Lamas e ten a estrutura da cuberta en mal estado, con moitas tellas soltas que poden caer en canto chegue o inverno.
O outro lavadoiro que tamén está nunhas pésimas condicións atópase no muro norte que enmarca o terreo da igrexa. Este ten filtracións de auga provocando que o chan de arredor se volva intransitábel para as persoas.
As veciñas e veciños de Laraño xa hai dous anos que demandaron o arranxo destes lavadoiros e mesmo presentaron a proposta nos Orzamentos Participativos de 2017. As fontes e lavadoiros teñen, na actualidade, un valor fundamentalmente etnográfico e as administracións públicas son responsábeis do coidado e mantemento deste patrimonio cultural galego.