PLENO
O BNG reclama que se poden as árbores ornamentais que entran polas xanelas dos edificios
Traslada unha iniciativa ao Pleno para que se dea prioridade a aquelas zonas que teñen afectación directa a vivendas para evitar perigos e molestias á veciñanza
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2018.- O BNG de Santiago reclamará no Pleno que o Goberno de Compostela Aberta atenda as peticións veciñais para podar as árbores ornamentais das beirarrúas con polas que entran polas xanelas dalgúns edificios, baten nas fachadas e mesmo chegan a entrelazarse co tendido eléctrico, nalgúns casos.
En concreto, o grupo municipal nacionalista recibiu queixas da veciñanza da rúa do Home Santo, polos problemas que causan as árbores que soben polos edificios porque non se procedeu á corta que precisan cada ano.
De feito, é necesario efectuar estas podas durante o inverno, cando as árbores están en repouso, para orientar o seu crecemento, darlle vigor á súa estrutura e co fin de evitar ramallos demasiado densos que impidan o paso da luz, ademais de que estas cortas estimulan a floración e o proceso de froitificación.
O ano pasado, o BNG trasladou diversas iniciativas ao Pleno sobre a falta de poda das árbores que están nas beirarrúas e incluso a veciñanza ten rexistrado varias queixas ao respecto deste problema. Deste xeito, reiterará nesta sesión de xaneiro esta petición para que se dea prioridade a aquelas zonas que teñan afectación directa a vivendas para evitar perigos e molestias á veciñanza de Compostela.