CULTURA

O BNG reclama a posta en marcha do acordo para a cesión e musealización dos Monicreques Kukas

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Xa transcorreron catro anos desde a aprobación desta iniciativa que pode contribuír a diversificación turística e cultural compostelá

O BNG reclama a posta en marcha do acordo para a cesión e musealización dos Monicreques Kukas

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021.- O grupo municipal do BNG trasladará unha pregunta ao Goberno local para saber cando ten previsto facer efectivo o acordo plenario de xaneiro de 2017 para a cesión e musealización do legado dos Monicreques Kukas.

Segundo explicou a portavoz municipal, Goretti Sanmartín, no Pleno de xaneiro de 2017 acordouse subscribir, a iniciativa do BNG, un convenio de colaboración con Monicreques Kukas para a cesión, musealización, exposición e difusión do legado desta compañía histórica de teatro co fin de enriquecer a oferta cultural de Santiago de Compostela.

“A continuación, xustamente no mes de febreiro a Deputación da Coruña acordou contribuír a este proceso despois de que o Concello de Santiago presentase nesta institución o proxecto correspondente e van alá catro anos”, advertiu.

Co obxectivo de realizar un seguimento da situación neste novo mandato, no Pleno de decembro de 2019, formulouse xa unha pregunta para coñecer que pasos deu o Goberno local para facer efectivo este acordo.

Monicreques de Kukas naceu en Santiago de Compostela en 1979 e é primeira e máis antiga compañía de teatro contemporáneo con marionetas de Galiza. Dispón dun legado que cómpre dar a coñecer, tanto para público especializado como para os propios habitantes da cidade, crianzas e visitantes a Compostela. De expoñerse, será un atractivo máis para a diversificación da oferta turística e cultural e por iso desde o BNG reclámase que se fagan as xestións necesarias para cumprir ese acordo.

 

O BNG reclama a posta en marcha do acordo para a cesión e musealización dos Monicreques Kukas