RURAL
O BNG reclama a recuperación para a xestión pública da central hidroeléctrica de Fecha, que ten a concesión caducada
Goretti Sanmartín mantivo un encontro coa veciñanza de Santa Cristina e de San Xoán de Fecha para coñecer as necesidades veciñais
Na visita participaron, ademais da candidata á Alcaldía, Marisa Gil, Xesús Domínguez, Lucía Carreira e Concha de la Fuente que van na listaxe do BNG
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023.- A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín mantivo un encontro coa veciñanza de Fecha onde anunciou que o BNG rexistrou alegacións ao proxecto da ampliación da central hidroeléctrica de Fecha no río Tambre, nos concellos de Santiago de Compostela e Trazo. O BNG reclama a reversión ao público da concesión desta central hidroeléctrica, pois xa superou por moito os 75 anos outorgados como prazo máximo prorrogábel.
Galiza está moi por diante da produción de enerxías renovábeis e gran parte da que produce é para exportación, pois non existe tanta demanda nin necesidade en Santiago de Compostela, en Trazo nin no noso país que xustifique a creación e ampliación de proxectos coma este que pretendan asentarse no noso territorio e que, ademais, alteran o ambiente, degradan a zona e nin sequera teñen un retorno social e económico para o lugar.
Nas alegacións para evitar a ampliación do proxecto da concesión, sinálase que esta central hidroeléctrica ocupa unha zona protexida, xa que o río Tambre foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) en 2004 e Zona de Especial Conservación (ZEC) en 2014. Deste xeito, incumpre o decreto da Xunta polo que se declaran as zonas especiais de conservación e tamén as directivas marco da auga e de hábitats para os espazos protexidos da rede Natura 2000.
Este proxecto tampouco avalía o impacto económico e social sobre a transformación do espazo das vivendas situadas a menos de 500 metros nin a afección sobre os montes e explotacións agrarias próximas. Esta pretendida ampliación da central hidroeléctrica resulta, ademais, incompatíbel coa clasificación do solo rústico de especial protección de augas e espazos naturais.
O BNG xa reclamou no Congreso, a través do deputado Néstor Rego, a reversión para a xestión pública das concesións hidroeléctricas que superaron os 75 anos, tempo máximo legal prorrogábel, para que poidan ser xestionadas polo Goberno galego e conseguir o retorno económico do lugar en que se asentan.
Esquecemento do rural por parte do PSOE
Ademais, no encontro sinalouse que non se entende que o Goberno local do PSOE anuncie medidas de transporte como a dos microbuses a demanda sen realizar un estudo previo xunto coas asociacións.
Outra das preocupacións veciñais é que segue sen resolverse a carencia de saneamento e de abastecemento de auga, trasladaron que teñen un problema grave no local sociocultural por danos no tellado, a necesidade do arranxo urxente da ponte de Gallufe e outras problemáticas vinculadas ao rural, o grande esquecido nestes últimos anos por parte da xestión municipal.