ECONOMÍA E FACENDA

O BNG elaborará un plan económico cuadrianual para marcar as prioridades de investimentos

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín propón unha listaxe de medidas “para aplicar criterios de xustiza social no ámbito da fiscalidade municipal”

O BNG elaborará un plan económico cuadrianual para marcar as prioridades de investimentos

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023.- Desde o BNG incopórase no programa de goberno un plan económico para racionalizar e optimizar os recursos económicos e os investimentos, na procura da máis elevada rendibilización social, cun enfoque plurianual e estratéxico na prioridade dos investimentos do Concello de Santiago.

Neste plan figurarán as obras a executar no medio prazo, coas partidas que previsibelmente son necesarias para a súa execución, e darase tamén prioridade a investimentos que procuren melloras ambientais como eficiencia enerxética, ciclo da auga, recuperación ambiental e sendas peonís; e sociais con equipamentos que promovan a cohesión.

Ademais, prevese esixir da Xunta de Galiza un Plan de Financiamento extraordinario co que facer fronte ao forte incremento de gastos enerxéticos no exercicio das súas competencias e noutras que lle son impropias, como o mantemento de centros escolares e dos centros de saúde.

O BNG defende tamén no eido municipal a xustiza e a equidade fiscal, porque as medidas fiscais e de prezos públicos tamén deben ter en conta a necesidade e a capacidade económica da maioría social da poboación.

Bonificacións a persoas desempregadas, comerciantes e familias monoparentais

Así, a candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín propón “a aplicación de criterios de xustiza social no ámbito da fiscalidade municipal para aquelas situacións socioeconómicas das persoas contribuíntes, especialmente de colectivos das persoas desempregadas, en situación vulnerábel e de titulares de actividades dedicadas ao pequeno comercio que atravesan dificultades para os efectos de reducir a súa carga tributaria mediante a modificación das ordenanzas fiscais correspondentes, incluíndo aquí tamén as taxas e prezos públicos.

“Nesta liña traballamos nos últimos anos con iniciativas promovidas desde o BNG no Concello de Compostela e continuaremos afondando nunha política municipal máis xusta e igualitaria, coas bonificacións de prezos públicos pola prestación de servizos municipais cando acrediten estar en situación legal de desemprego ou en situación de vulnerabilidade, ademais de facer efectivos os acordos plenarios en relación coas bonificacións para familias monoparentais”, explicou.

Entre outras medidas, o BNG impulsou o pagamento fraccionado dos impostos, que xa se aplica, mais considera necesario darlle máis publicidade e facilidades a este sistema de impostos á carta, concibido como unha medida social, que permite aliviar as economías domésticas.

O BNG elaborará un plan económico cuadrianual para marcar as prioridades de investimentos