O BNG promove a cesión da parcela de Peleteiro para destinala a vivenda pública e dotacións para a veciñanza
Reclama ao Goberno do Estado actuacións para que a SAREB ceda a propiedade ao Concello
Vivenda pública de protección, centro sociocultural, centro de día e unha praza aberta para o lecer: as propostas do BNG para a parcela de Peleteiro
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o deputado no Congreso Néstor Rego anunciaron a proposta para que o Goberno do Estado, no concreto a SAREB, ceda a parcela de Peleteiro para destinala a uso público, para favorecer a construción de vivenda pública de aluguer, un centro de día, un centro sociocultural e unha praza aberta para o encontro e o lecer; dotacións necesarias para incrementar a calidade de vida da veciñanza.
Esta proposta do BNG comeza a través dunha iniciativa do deputado Néstor Rego para demandarlle ao Goberno do Estado que realice as actuacións necesarias para que a SAREB, propietaria da parcela do antigo colexio Peleteiro, ceda os terreos ao Concello de Santiago de Compostela. Esta iniciativa enmárcase dentro da medida anunciada polo presidente do Goberno do Estado sobre a mobilización dos activos da SAREB para destinalos a vivenda pública que “nunca foi posíbel cando o BNG reclamaba esta cesión ás administracións galegas das 3.000 vivendas que ten en Galiza, das que 1.200 prontas para seren ocupadas e que están baleiras”.
“Estaremos atentos e vixiantes de que este anuncio que foi seguido doutros dous do presidente do Goberno español que suman 100.000 vivendas no conxunto do Estado non fique só en propaganda electoral”, indicou Néstor Rego. “Estaremos activos para que estes compromisos se cumpran e teñan unha plasmación práctica e esta é unha oportunidade de facelo en beneficio do conxunto da veciñanza de Santiago de Compostela”, engadiu. Referiuse a que ese acordo inclúe, nun terceiro eixo, a cesión de solos urbanizábeis para a construción de 15.000 vivendas adicionais destinadas a aluguer social e asequíbel.
Para Goretti Sanmartín esta medida abre “unha ventá de oportunidade” para conseguir que a operación non teña condicionantes de edificabilidade impostos pola rendibilidade económica e sen que o Concello teña que pagar os arredor de 20 millóns de euros en que estaba valorada a propiedade.
Esta iniciativa pode resolver a última peza clave de reurbanización do Ensanche sobre a que xa transcorreron 20 anos de sentenzas, recursos e intentos de acordo fracasados. Nos últimos anos fíxose unha importante modificación de usos, pasando de 23.500 metros cadrados de edificabilidade a 19.900 e mudando a opción de instalar un gran centro comercial para primar o uso residencial, complementado cun espazo para centro de día e centro sociocultural cunha praza pública de 1395 metros cadrados.
“Despois dun proxecto que non convence a diferentes sectores da poboación e dun fracaso na etapa de CA e doutro fracaso nestes últimos anos co PSOE, con importante oposición veciñal, non se puido desenvolver esta urbanización”, sinalou. Lembrou que isto provocou unha importante discusión sobre a apertura da praza cara a San Pedro de Mezonzo e a República Arxentina.
“Esta opción que hoxe presenta o BNG permite dotar de vivenda protexida esta zona e tapar as traseiras necesarias con importantes aperturas ás dúas rúas e separación das traseiras da Rosa”, explicou Goretti Sanmartín.
Así, a candidata agarda que se una o PSOE a nivel local a esta proposta “para defender os intereses de Santiago por riba de todo e ter unha solución digna a un problema colapsado desde hai tempo”.