EMPREGO
O BNG quere que Santiago sexa referente en “boas prácticas de emprego” coa aplicación de cláusulas sociais na contratación
Goretti Sanmartín e Xavier Castro presentaron as medidas do programa de goberno sobre emprego e incidiron no control das empresas concesionarias de servizos municipais
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023.- O BNG presentou as medidas para crear emprego de calidade que porá en funcionamento despois do 28 de maio no goberno local, con especial incidencia na creación dun servizo de inspección das empresas concesionarias de servizos municipais e na aplicación de cláusulas sociais para conseguir que Santiago poida ser referente en boas prácticas. Medidas para reducir a fenda de xénero no emprego, a diversificación da economía con novos nichos laborais, a colaboración coa USC e a aposta pola inserción laboral son algunhas destas accións prioritarias que impulsará o BNG.
A candidata do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, explicou que o BNG dirixirá esforzos a mellorar a calidade de vida da veciñanza e, para iso, é fundamental que a poboación economicamente activa teña un traballo digno. Para iso, promoverá medidas xeradoras de emprego, favorecendo aqueles segmentos sociais, “onde o desemprego golpea con maior forza, como poden ser a mocidade e as mulleres, para o que a eliminación da fenda de xénero que aparece en todos os sectores económicos ten que ser unha prioridade política”. “Lembremos que segundo os datos do mes de marzo, en Compostela había 4477 persoas no paro, 2036 homes e 2441 mulleres, un dato que nos indica que mes tras mes ou ano a ano a fenda de xénero continúa cunha mesma porcentaxe”, indicou. Isto conflúe tamén coa pobreza severa, que se incrementa entre as mulleres, así como as dificultades das familias monoparentais, conformadas maioritariamente por mulleres.
Diversificación da economía
Compostela ten características específicas na súa base produtiva, xa que a maior parte do seu territorio é rural o sector primario apenas atinxe o 0,5 por cento do valor engadido da produción total, porque non ten un valor engadido. No lado contrario, encóntrase un sector terciario super dimensionado que representa a terceira parte do PIB municipal, que sumándolle o valor acrecentado bruto das actividades de información, financeiras ou inmobiliarias, co que este sector servizos supera a metade da produción do concello. Así, o BNG traballará de maneira especial por promover a diversificación económica, para o que é necesario impulsar o sector industrial, que xa conta con ámbitos especializados como o da madeira e o da biotecnoloxía.
Outra aposta do BNG será potenciar oficios tradicionais con boas expectativas de futuro, como o da ourivaría e procurar novos nichos de emprego ligados á economía circular, ás políticas de coidados e conciliación ou a apostas innovadoras como a creación dunha planta de compostaxe.
Estas medidas de política industrial aproveitarán as infraestruturas e a colaboración coa Universidade, a través da aposta pola investigación e a innovación, co obxectivo de que non fuxa talento e que o que emigrou poida regresar.
Contratos reservados para centros especiais de emprego
Por outra parte, respecto do emprego público e do xerado polo propio concello a través das empresas concesionarias de servizos, salientou a necesidade de promover a modalidade de contratos reservados para Centros Especiais de Emprego e Empresas de Inserción Laboral, co obxectivo de fomentar a integración sociolaboral de colectivos desfavorecidos e con especiais dificultades de acceso ao emprego, de maneira gradual até acadar o 10% da porcentaxe da contratación que se faga desde o sector público.
Servizo de control das empresas concesionarias
Referiuse tamén á necesidade de crear un servizo de control das empresas concesionarias para que cumpran co estipulado nos pregos, que pode axudar a que moitos dos conflitos existentes desaparezan e a que o emprego sexa digno, ademais de aforrar diñeiro ás arcas municipais. Puxo como exemplos o incumprimento da empresa das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ao negarse a pagarlles o incremento do IPC tal e como recollen os pregos ou nos incumprimentos da empresa de recollida e tratamento do lixo. “Son escandalosos incumprimentos nas empresas concesionarias e un servizo de control pode frear esta situación e conseguir que Santiago poida ser referente en boas prácticas, sobre todo nese emprego público”, explicou.
Pola súa parte, Xavier Castro, avogado experto en dereito laboral, que forma parte da candidatura do BNG no primeiro tramo, sinalou que “estas medidas están incluídas no apartado que chamamos a ‘Compostela vermella’, no programa de goberno, que son alusivas a conformar un concello próspero e que cree emprego de calidade”.
Na rolda de prensa, centrouse na contratación pública e no que ten a ver coas cláusulas sociais poñendo o foco na importancia de inspección por parte do Concello no cumprimento das empresas concesionarias de servizos das cláusulas administrativas particulares que están contidas nos pregos de contratación.
Segundo explicou, esta supervisión ten unha dupla finalidade: o control de que se están a respectar os dereitos laborais pactados e o control da que se están a prestar correctamente o servizos contratados. “O Concello de Santiago non pode mirar para outro lado ante conflitos laborais que se dan en empresas concesionarias de servizos municipais, porque a vulneración reiterada e clara de dereitos laborais de traballadores e traballadoras que prestan servizos públicos municipais é un problema que afecta a moitas familias e que repercute na propia calidade do servizo público encomendado”, sinalou o candidato.
Puxo como exemplos os problemas que está a padecer o persoal SAF, servizo de limpeza e recollida de lixo (Urbaser), os centros socioculturais, os condutores da liña do aeroporto pendentes de readmisión ou o persoal do guindastre, por citar algúns. “Santiago está a ter un problema neste eido e pode ser arranxado con vontade política”, explicou. Neste sentido, indicou que a Lei de Contratos Sector Público prevé que os pregos de cláusulas administrativas particulares haberán de incluír, entre outras cuestións, as consideracións sociais, laborais, dereitos e obrigas das partes destes contratos, as obrigas do adxudicatario de cumprir as condicións salariais dos traballadores conforme ao convenio colectivo.
Penalidades por incumprimentos de criterios valorados na adxudicación
Así, estes pregos de cláusulas administrativas particulares tamén poden estabelecer penalidades para os casos de incumprimento da prestación, en especial cando fosen criterios valorados ou tidos en conta para definir a adxudicación. “Sen dúbida é esencial en Santiago pór o foco no cumprimento dos dereitos laborais para as adxudicacións de servicios”, indicou. Por iso o BNG defende a creación dun mecanismo de supervisión municipal “que haberá que crear e configurar para dotalo dunha eficacia real”.
Sinalou que houbo propostas no pasado para a contratación intelixente, responsable, integradora e sustentábel “que son papel mollado se non se dotan dunha eficacia real”. “E para isto é precisa vontade política e mecanismos con penalidades para evitar que as adxudicatarias non cumpran os dereitos laborais e que os servizos que preste o concello non queden menoscabados”, incidiu Xavier Castro.