SERVIZOS

Goretti Sanmartín reclama que o alcalde “non se poña de costas nin de perfil” ante as convocatorias de folga de Urbaser e do SAF

Reunión con Urbaser
Reunión con representantes do comité de Urbaser

O BNG mantivo encontros con representantes do comité de empresa de Urbaser e persoal do SAF que trasladaron os incumprimentos destas empresas concesionarias

Goretti Sanmartín reclama que o alcalde “non se poña de costas nin de perfil” ante as convocatorias de folga de Urbaser e do SAF

Os comités de empresa destes servizos solicitaron reunións co grupo de goberno socialista e seguen sen recibilos

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023.- O BNG insta o alcalde a mediar entre o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e de recollida de residuos coas empresas adxudicatarias destes contratos (Servisar e Urbaser) porque “non se pode poñer de costas nin de perfil para solucionar os incumprimentos e as carencias existentes antes das datas convocadas para a folga; queda tempo suficiente de traballo para obrigar a que se cumpran as condicións e acordos que repercuten na calidade destes servizos para a veciñanza”.

En concreto, no caso de Urbaser que xa anunciou a convocatoria de folga, hai falta de maquinaria, de camións novos e de vehículos varredores, ademais da ausencia das medidas de conciliación coa negación do cambio de quenda horaria a unha compañeira para garantir ese dereito e da falta de vestiarios habilitados que non están a disposición do persoal, xa que carecen de auga quente e de taquillas ou incluso algúns son almacéns de roupa.

“Desde o BNG poñemos o acento na falta de persoal, xa que non está garantido que haxa 151 persoas que figuran nos pregos do contrato e, transcorrido un ano desde a súa adxudicación, non mellorou o servizo”, advertiu Goretti Sanmartín. Nese sentido, indicaron tamén que a empresa non respecta o acordo de bolsa de traballo nin das condicións laborais pactadas. “Esiximos un servizo de recollida de residuos digno, á altura do que precisa Santiago de Compostela e iso pasa por facer cumprir as condicións do estipulado no contrato en canto a recursos humanos e materiais”, explicou Goretti Sanmartín, “tendo en conta que o BNG apostaba por outro modelo afastado de Sogama para incrementar a reciclaxe e a compostaxe”.

Ademais, no encontro con traballadoras do SAF explicaron que a partición de horarios e a ampliación da xornada de luns a domingo dificulta a conciliación familiar, o que supón un empeoramento das condicións de traballo, especialmente para o persoal a tempo parcial que ten as condicións máis precarias e aínda propoñen reducirlle un 25% máis o seu horario. Lembraron tamén que a empresa ten pendente de aplicar o incremento salarial de parte do IPC do ano 2021, tal e como recolle o convenio.

 

 

Goretti Sanmartín reclama que o alcalde “non se poña de costas nin de perfil” ante as convocatorias de folga de Urbaser e do SAF