ENSINO

Os comedores escolares non se improvisan, nin en Compostela nin en ningures, sr. Verea

Fernando Lacaci
Fernando Lacaci
Artigo de Fernando Lacaci, da candidatura do BNG de Santiago
Os comedores escolares non se improvisan, nin en Compostela nin en ningures, sr. Verea

O ocorrente candidato do Partido Popular nas eleccións municipais en Compostela informa da posta en marcha dunha rede pública de cociñas escolares, unha rede que derrube “o desleixo ao que ten sumido este sector o actual goberno socialista”.

Imos por partes, o evidente desleixo do sector ten unha orixe: a nefasta xestión que fixo o partido popular cando asumiu os comedores escolares composteláns no ano 2012. Xa daquela era evidente, así llo contaron as familias da FANPA Compostela, que o modelo de catering barato e contratación sen condicións ía dar os resultados que logo deu, pero teimaron na súa, e conseguiron o que temos. Que logo houbera outras opcións políticas que non resolveron o problema non quita a responsabilidade de quen o creou, e fainos dubidar da credibilidade de propostas tan diverxentes daquel modelo.

Porque ese modelo, o do catering de baixo custo, é precisamente o que segue o goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia sempre que pode desmantelar un comedor tradicional: grandes empresas do sector da alimentación, que mercan os seus produtos onde a comenencia económica manda, e que dan aos escolares un servizo manifestamente mellorábel.

Claro que o candidato do PP non ten porque seguir o modelo do propio PP, tamén pode prometer que vai facer algo diferente, vén de facelo coa demanda do Conservatorio de Danza en Compostela, non?, saír na prensa dicindo que vai facer o que logo no Parlamento o conselleiro do seu propio partido rexeita claramente. Por que temos que pensar que isto é diferente?

Pero hai algo máis, os comedores escolares dos centros públicos de ensino son un servizo educativo complementario, ou sexa, son un servizo público, que debe ser regulado dun xeito público, con suxeición á legalidade. Entón, que pinta aquí a “colaboración das ANPAS” ?, non estará dicindo o sr. Verea que o seu modelo de xestión pasa por librarse da xestión pública para que sexan as familias composteláns quen realmente fagan o traballo que o seu partido non sabe facer? non será que está prometendo un modelo que non cabe na legalidade administrativa?

Se o Partido Popular quere avanzar nun sistema de comedores escolares realmente inclusivo e universal, non ten máis que mirar para o Concello de Ames, que ten funcionando un modelo recoñecido como o que mellor funciona en todo o País. E cando mire para aló, e aprenda como se fai, quizais deixe de facer declaracións de curto alcance e sen explicación, porque os comedores escolares, sr. Verea, son algo moito máis serio que unha proposta electoral lanzada ao aire.

Os comedores escolares non se improvisan, nin en Compostela nin en ningures, sr. Verea