MOCIDADE
Goretti Sanmartín: “A mocidade vai ser protagonista do cambio en Santiago de Compostela co BNG no goberno a partir do 28M”
O programa do BNG para a xente nova está centrado en impulsar traballo, vivenda, transporte, deporte e lecer
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023.- O BNG organizou un encontro coa mocidade na praza Roxa para dar a coñecer as liñas do programa para o 28M, que van orientadas a poder traballar, conseguir vivenda asequíbel e alternativas de deporte e de lecer en Santiago de Compostela, para o que Goretti Sanmartín defende que a xente nova poida participar na toma de decisións para o futuro da cidade.
Este evento contou coa actuación musical de Tiam GZ e coas intervencións de Goretti Sanmartín, candidata á Alcaldía; de Martinho Cacheda, responsábel local de Galiza Nova e integrante da candidatura do BNG; e de Iria Carreira, deputada parlamentar.
Entre as medidas que anunciou Goretti Sanmartín está a posta en marcha do Consello da Mocidade como canle orgánica de diálogo, participación e incorporación de mozos e mozas ás políticas locais; a creación do Consello das Mulleres novas; e o desenvolvemento de axendas culturais destinadas á participación da mocidade.
“Santiago ten que ser quen de facer que a súa mocidade poida traballar no noso concello e formar parte do seu futuro”, afirmou a candidata. “Por iso, vemos con especial preocupación a situación á que a nosa xente nova se ve abocada: un futuro de emigración, desemprego ou precariedade laboral que deben superarse”, engadiu.
Para o BNG, “a mocidade xógase moito nestas eleccións municipais, porque Santiago leva expulsando a xente nova, primeiro á emigración e logo, cando regresa, aos concellos limítrofes na procura de vivenda a prezos asequíbeis”. En Santiago de Compostela entre 2009 e 2019 tiveron que emigrar a outras comunidades e ao estranxeiro 14.083 persoas, das que 4.685 tiñan entre os 16 e os 29 anos. “É unha xeración que foi criada, formada e que estudou aquí pero que marcha cos seus coñecementos e capacidade de traballo a enriquecer outros países, ao tempo que deixan ese baleiro e non reverten no país”, indicou.
Facilitar o alugueiro e o acondicionamento de milleiros de vivendas baleiras
A mellora dese futuro pasa por favorecer o dereito á vivenda, imprescindíbel para poder emanciparse e formar os proxectos de vida, mais foi o Goberno do PP na Xunta quen truncou a política de vivenda protexida mentres os prezos non deixan de medrar, ano tras ano, e cunha lista de 16.500 galegos e galegas que agardan por un fogar propio. De entre estas persoas, en Compostela hai 800 no Rexistro de vivendas de protección oficial, mentres o PP ten paralizada a construción de vivendas no Castiñeiriño.
Por outra parte, os prezos do alugueiro incrementáronse “de maneira escandalosa”, explicou Goretti Sanmartín. O alugueiro subiu en Compostela nos últimos anos unha media anual de 1.348 euros, case un 30% máis que en 2014, o que afecta especialmente a xente moza.
De aí que un dos eixos centrais do BNG será facilitar o alugueiro e acondicionamento de milleiros de vivendas baleiras existentes para as persoas que buscan piso en Santiago de Compostela, cun plan de dinamización de prezos taxados en colaboración coa Xunta de Galiza e con prioridade para xente moza e con salarios baixos.
“Relacionado con isto está a necesidade de crear sinerxias coa USC, tanto no referido a alternativas laborais como á utilización de infraestruturas e á recuperación da Residencia, do campus Sur para o paseo e o deporte”, sinalou.
Factoría cultural para a mocidade
Do mesmo xeito, a mocidade precisa da recuperación de ofertas de ocio que fagan atractiva a cidade para a xente nova, de xeito especial en horarios nocturnos e festivos.
“De aí que poremos en marcha a Factoría Cultural, un centro de creación e ensaio para impulsar actividades e concertos entre as bandas locais para fomentar a súa proxección, con especial incidencia naquelas que empreguen o galego”, anunciou Goretti Sanmartín.
O BNG tamén porá a disposición da xente nova espazos para o desenvolvemento de arte urbana, desde graffiti, calistenia, break dance ou skate.