MOBILIDADE

O BNG reclama a revisión das pantallas informativas dos autobuses

Presentan erros algunhas das paradas con máis número de persoas usuarias, como a da praza de abastos

O BNG reclama a revisión das pantallas informativas dos autobuses

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, demandou a revisión e posta en funcionamento das pantallas electrónicas informativas dos autobuses que non están activadas logo de recibir queixas da veciñanza das constantes interrupcións e apagado das mesmas.

Trátase dun servizo informativo para facilitar o uso do transporte público colectivo que, na práctica, non está operativo como debera por falta de supervisión. En concreto, presentan erros algunhas das paradas con máis número de persoas usuarias como poden ser a da praza de abastos ou a do Restollal, enfronte dunha gran superficie comercial, entre outras.

Aliás, os paneis informativos fixos, onde aparecen as frecuencias horarias, non teñen a claridade gráfica, luminosidade nin lexibilidade suficiente para persoas maiores nin para cando se fai de noite cedo no inverno, o que dificulta ou mesmo imposibilita saber as liñas ou tempos de agarda para ir dun lugar a outro no autobús urbano.

Deste xeito, o BNG reclámalle ao Goberno local de Compostela Aberta que proceda a ofrecer un servizo en boas condicións ás persoas usuarias co obxectivo de mellorar a mobilidade na cidade.

O BNG reclama a revisión das pantallas informativas dos autobuses