O BNG reclámalle ao alcalde que convoque o Consello Municipal de Saúde
Este órgano colexiado de participación comunitaria aínda non se reuniu dende a entrada do novo Goberno local
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2015.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, reclámalle ao alcalde de Santiago que convoque o Consello Municipal da Saúde, que aínda non se reuniu dende a entrada da nova Corporación local, co fin de estudar a situación sanitaria e os problemas urxentes no ámbito do concello.
Así, este Consello Municipal de Saúde debe tratar o peche de camas hospitalarias, o problema do aparcadoiro do CHUS, o centro de saúde de Conxo e a falta de prazas para coidados paliativos, entre outros temas que presentan problemas urxentes de interese para a veciñanza.
O Consello Municipal de Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta e seguimento da xestión sanitaria no ámbito municipal que, segundo o seu regulamento, debe reunirse de xeito ordinario unha vez por semestre.
Entre as súas funcións están emitir informes, por iniciativa propia ou dos órganos de Goberno municipal, sobre materias sanitarias; elevar propostas e informes aos órganos de dirección e de representación da Área de Saúde e ao Servizo Galego da Saúde; presentar iniciativas, propostas ou suxestións ao Concello para seren discutidas nas comisións informativas municipais correspondentes e, ademais, promover a participación comunitaria en temas de saúde.
Dado o deterioro xeneralizado da sanidade pública por mor dos recortes orzamentarios e as necesidades urxentes para mellorar os servizos de atención primaria na área de Compostela, entre outras, e tendo en conta que aínda non se constituíu o Consello Municipal de Saúde dende a toma de posesión da nova Corporación local, o BNG rexistrou unha pregunta para coñecer a data da primeira reunión deste organismo aínda pendente de constituír neste mandato.
Cómpre, polo tanto, a reactivación deste Consello Municipal de Saúde, creado en 2003, que o PP non convocou mentres estivo no Goberno local, a pesar de que o funcionamento nos períodos anteriores era ben recoñecido.