Rubén Cela presenta unha iniciativa para ampliar e ordenar o aparcadoiro público do CHUS
Reclama ademais que se negocie a baixada das tarifas do parking da Choupana, o máis caro da cidade
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2015.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha iniciativa que defenderá no Pleno para ampliar e mellorar a ordenación do aparcadoiro público do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). A formación nacionalista proporá tamén mellorar a promoción, sinalización e conectividade entre o centro hospitalario e o aparcadoiro de Santa Marta, así como negociar unha baixada das tarifas do parking da Choupana, o máis caro da cidade.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, cómpre ampliar e reordenar o aparcadoiro actual do CHUS posto que resulta insuficiente, presenta problemas de mobilidade coas beirarrúas ocupadas, dificultades para retirar os vehículos estacionados e pouca rotación. Así, presentou unha galería de imaxes que amosan as dificultades que atopa a xente para estacionar os seus vehículos neste aparcadoiro.
Sobre a necesidade de incrementar a sinalización do aparcadoiro de borde de Santa Marta, indicou que moitas persoas usuarias do CHUS son de fóra e descoñecen a súa existencia debido á falta de publicidade e de accesibilidade; aínda sendo conscientes de que ten que ser unha zona de estacionamento de apoio que non serve, pola súa distancia, para persoas enfermas ou con problemas de mobilidade.
En canto ás elevadas tarifas do aparcadoiro da Choupana, sinalou que non se corresponden co que debera ser un servizo complementario a un centro hospitalario porque a xente non vai por gusto, acode por necesidade e é o aparcadoiro máis caro de Santiago de Compostela, ademais dos problemas de amoreamento de vehículos que presenta para efectuar o pagamento por mala organización. Así, empraza o Goberno local a negociar unha baixada das súas tarifas, que se sitúan en 2 euros a hora, moi superior ás aplicadas nos aparcadoiros de Área Central (1,66 euros/hora), Praza de Galiza (1,65), Renfe (1,49), Xoán XIII (1,20) ou Belvís (0,89).
Por estes motivos, Rubén Cela afirmou que o aparcadoiro do CHUS é absolutamente insuficiente e, se ben non é algo de agora, se trata dunha eiva dende o seu nacemento en 1999, para un hospital con máis de 700 camas e máis de 100 salas de consultas externas, que precisan aparcadoiros para dar servizo a pacientes, familiares, traballadores/as e subministracións, ademais de incrementar o transporte público.
Máis imaxes nesta galería