O BNG require que o Concello inste a Fomento a mellorar a seguridade na Avenida de Lugo
A transformación nun funil dun único carril en curva á saída da rotonda e a deficiente iluminación provocan numerosos sinistros que se poderían evitar
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2015.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para que o Concello de Santiago inste ao Ministerio de Fomento a mellorar a seguridade viaria na avenida de Lugo, co obxectivo de reducir os accidentes que se rexistran na zona. Require tamén que, por parte do Goberno local, se adopten as medidas necesarias para protexer os peóns, ademais de repoñer canto antes as lámpadas que faltan nese tramo.
Entre os números 14 e 18 da Avenida de Lugo, no tramo que discorre en superficie sobre a saída do túnel do Hórreo, converteuse nun punto que entraña perigo para a circulación, debido ao seu trazado en curva que se agrava co estreitamento da vía, posto que se transforman nun funil dun único carril os dous da rúa do Hórreo e da rotonda.
Dende a apertura do túnel do Hórreo, rexistráronse diversos accidentes de tráfico neste punto, batendo nalgúns casos cos propios edificios e cos postes da luz, isto implica perigo non só para as persoas ocupantes dos vehículos senón tamén para os peóns, recolle o texto da iniciativa do BNG.
Ademais, como consecuencia dun dos últimos sinistros, un dos postes de iluminación foi arrincado. Se ben foi instalado recentemente, carece de lámpada e non cumpre a súa función. Neste tramo, na actualidade, de cinco puntos de luz dous non acenden.