O BNG propón crear unha senda peonil e un carril bici para unir o centro de Santiago con Ames
Estas rutas alternativas, separadas do tránsito rodado, deben aproveitarse para dar a coñecer o patrimonio cultural e natural da zona, explica Rubén Cela
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2015.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, ao abeiro da Semana da Mobilidade, presentou unha iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno para crear unha senda peonil e un carril bici entre Santiago de Compostela e O Milladoiro e Bertamiráns, en Ames.
Lembrou Rubén Cela que xa en decembro de 2014, despois de recibir diversas queixas da veciñanza da Rocha e de Volta do Castro, o BNG fixo unha petición para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade neste contorno, que aínda non se solucionaron. En concreto, a rotonda supón unha barreira para peóns e bicicletas que transitan pola zona, explicou. Así, o BNG reclama que o Goberno local traballe a favor da pacificación do tráfico e de favorecer o transporte a pé e en bicicleta, para tender a un deseño urbano onde o espazo peonil sexa continuo.
O crecemento urbanístico padecido durante as últimas décadas en zonas limítrofes, como O Milladoiro ou Bertamiráns, xerou problemas de tráfico e de mobilidade que dificultan a comunicación peonil e en bicicleta entre a zona urbana e os barrios periféricos do noso municipio máis achegados a estes núcleos.
Para o BNG, cómpre adoptar medidas de maior envergadura e intervir a favor da mobilidade sustentábel mediante a creación de sendas peonís accesíbeis como rutas alternativas separadas do tránsito rodado e de carrís bici que discorran entre Ames e Santiago de Compostela. Ademais, estas rutas alternativas deben aproveitarse para dar a coñecer o patrimonio cultural e natural, como o castro de Conxo, os petróglifos e o Castelo da Rocha no que se investiu, nunha primeira fase de restauración para a escavación e posta en valor deste xacemento arqueolóxico, un millón de euros e, a pesar diso, segue a ser descoñecido por gran parte da cidadanía, recolle o texto da iniciativa.
Deste xeito, o BNG defenderá a través dunha proposición que se formalice un convenio de colaboración técnica e financeira entre as diferentes administracións implicadas que permita executar neste mandato un proxecto para a conexión peonil e mediante carril bici entre o centro da cidade e as áreas limítrofes co Concello de Ames.