O BNG insta a constituír o Consello Escolar Municipal ante a falta de profesorado no inicio do curso
Ningún dos 14 consellos sectoriais de participación cidadá foron convocados
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2015.- O grupo municipal do BNG demanda a convocatoria dos consellos sectoriais de participación cidadá, que aínda non foron constituídos dende o cambio de Corporación, co fin de contribuír á dinamización do tecido asociativo e á vertebración social. Deste xeito, ante un inicio de curso con falta de profesorado e problemas nos comedores escolares, urxe a convocatoria do Consello Escolar Municipal para implicar a comunidade educativa na toma de decisións do Goberno local de Santiago de Compostela.
Para o BNG, cómpre a constitución dos consellos sectoriais de participación, transcorridos os 100 primeiros días de Goberno de CA e tendo en conta que o anterior mandato o PP deu ao traste boa parte destes organismos, a pesar de que o seu funcionamento está recollido na normativa internacional, estatal, galega e local como parte inseparábel da sociedade democrática, ademais de seren peza clave para a resolución de cuestións de carácter municipal.
O Concello de Santiago conta dende o ano 1999 cun regulamento de participación cidadá que recoñece o dereito das persoas a intervir e a participar da actividade municipal, como parte inseparábel da sociedade democrática; recoñece o papel das entidades, como expresións organizadas da cidadanía e elementos coordinadores e vertebradores da colectividade e atribúelle ao Goberno local a responsabilidade de fomentar a participación social.
Deste regulamento de participación emanou, en primeiro lugar, a creación dun Consello Económico e Social e dun Consello de Relacións Veciñais. Con posterioridade, creáronse organismos para distintos ámbitos até conformar un conxunto de 14 consellos de participación, como o Consello de Medio Ambiente, Saúde, Turismo, Educación, Deportes, Mocidade, Persoas maiores, Normalización Lingüística, Migración, Centros socioculturais, Cultura
Deste xeito, para o BNG a normalidade democrática implica vías de participación e o Concello de Santiago ten en vigor a normativa de distintos consellos sectoriais, órganos de participación, debate e consulta que o Goberno municipal debe constituír e activar para que cumpran a súa función de canalizar a participación da cidadanía e contribuír á dinamización do tecido asociativo e, consecuentemente, á vertebración social.