SERVIZOS
O BNG reclámalle ao alcalde que licite o concurso do servizo de limpeza das instalacións municipais, que leva 18 meses sen contrato
Debe incluír cláusulas sociais para protexer os dereitos do persoal contratado e evitar a precariedade laboral
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2019.- O grupo municipal BNG reclámalle ao alcalde que licite o novo concurso do servizo de limpeza das instalacións municipais, que leva máis dun ano sen contrato.
O servizo de limpeza das instalacións municipais leva tempo a prestarse sen contrato, concretamente desde maio de 2018, o que repercute na precariedade das condicións e está a ocasionar problemas de carácter laboral no persoal que desenvolve este traballo, segundo queixas recibidas no grupo municipal do BNG.
Deste xeito, o BNG trasladará unha pregunta ao vindeiro Pleno para coñecer que previsión e prazos ten o Goberno local para licitar o novo concurso do servizo de limpeza das instalacións municipais, que debe incluír cláusulas sociais para protexer os dereitos do persoal contratado e evitar a precariedade laboral.