PLENO

O BNG reclamará no Pleno declarar os membros de “La Manada” persoas non gratas en Santiago de Compostela

lamanada
La Manada

A moción recolle o clamor social expresado na rúa contra as violacións, acoso e agresións machistas

O BNG reclamará no Pleno declarar os membros de “La Manada” persoas non gratas en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción para que o Concello declare a coñecida como “La Manada” (José Ángel Prenda Martínez, Alfonso Jesús Cabezuelo Entrena,  Jesús Escudero Domínguez, Ángel Boza Florido e Antonio Manuel Guerrero Escudero) como persoas non gratas en Santiago de Compostela.

A Audiencia Provincial de Iruña acordou pór en liberdade os cinco agresores violadores, autodenominados “La Manada”, condenados por someter unha moza de 18 anos a reiterados actos sexuais, por parte de todos eles, en contra da súa vontade e facendo uso da súa condición de superioridade: numérica, física e de idade, durante os Sanfermíns de 2016.

Estes feitos foron cualificados xuridicamente como abusos sexuais por parte dese tribunal que levou a condenar a 9 anos de prisión os acusados, para logo completarse coa decisión de non prorrogarlles a prisión preventiva ante a gravidade do sucedido, polo que dende o venres 22 de xuño están na rúa. O tribunal emprega argumentacións difíciles de entender á vista do rexeitamento social demostrado na rúa e, en concreto, polo movemento feminista.

Recolle o texto da moción que as corporacións municipais son a expresión do mandato cidadá e non poden quedar á marxe da sociedade se non recollen o clamor da rúa, o pensar e sentir de milleiros de mulleres e homes, ante a inxusta resolución a esta situación tan grave.

Para o BNG é necesario e urxente o entendemento da xustiza e da sociedade en temas tan sensíbeis; e con este feito, quere trasladar a solidariedade e arroupo á vítima, para que non se sinta nin culpábel, nin sinalada nin condenada. O caso de “La Manada” é o cumio do iceberg “e débese aproveitar para visibilizar os centos de casos anónimos que suceden ao noso arredor con moita máis frecuencia da que nós pensamos”, sinala a iniciativa.

Reclamarase tamén dar traslado do acordo plenario á representación legal dos cinco condenados a nove anos de prisión pola agresión sexual xulgada na Audiencia Provincial de Iruña e tamén á representación legal da vítima para que sexa coñecedora do apoio real que ten.

O BNG reclamará no Pleno declarar os membros de “La Manada” persoas non gratas en Santiago de Compostela