PLENO

O BNG reclamará no Pleno de Santiago que se manteñan os espazos de noticias locais e o Diario Cultural na Radio Galega

Estes programas contribúen a garantir o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social do país que deben caracterizar este servizo público

O BNG reclamará no Pleno de Santiago que se manteñan os espazos de noticias locais e o Diario Cultural na Radio Galega

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2018.- O grupo municipal do BNG de Santiago traslada unha moción ao Pleno para reivindicar os espazos de noticias locais nos servizos informativos da Radio Galega, para manter o obxectivo de servizo público e de garantía do dereito fundamental de acceso a unha información próxima para a cidadanía galega, ademais de reclamar a continuidade do Diario Cultural.

Na iniciativa exprésase tamén o rexeitamento á supresión do Diario Cultural como espazo propio cultural informativo, de debate e reflexión así como a presenza residual da información cultural na grella da Radio e Televisión Públicas de Galiza.

Deste xeito, o BNG propón instar á Dirección da CRTVG así como a Xunta de Galiza a garantir e afortalar o carácter de servizo público da radio e televisión públicas, así como a cumprir a Lei 9/2011 de medios audiovisuais públicos garantindo o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social do país así como a difusión e promoción da lingua e a cultura galegas como elementos centrais da identidade propia de Galiza.

A televisión e a radio públicas de Galiza constitúen, alén dun servizo público, un dereito  fundamental para a poboación do noso país. Así xurdiron, co obxectivo de garantir o acceso a unha información próxima, plural que puxese o foco na realidade galega e contribuíse, entre outras cuestións, a normalizar a lingua propia, promocionar e difundir a cultura galega na defenda da identidade de Galiza.

Porén, a dirección da CRTVG vén de anunciar que serán suprimidas as desconexións locais dos servizos informativos radiofónicos. A pretendida supresión das desconexións informativas locais suporá unha maior centralización informativa e a perda das referencias horarias coas que durante anos contou a poboación, a un ano das eleccións municipais de 2019.

Unha medida que se enmarca nun conxunto de mudanzas na programación que suporá tamén a supresión do Diario Cultural, principal espazo informativo en materia de cultura que leva 28 anos en antena. O programa pasará a se difuminar entre a programación xeralista, os informativos e o entretemento sendo substituído na franxa horaria que viña ocupando por un novo programa deportivo.

A desaparición do Diario Cultural como espazo radiofónico de información, debate e reflexión de seu súmase á supresión da maior parte da programación cultural da radio e televisión públicas de Galiza desde que goberna o Partido Popular e Feixóo. Aberto por reformas, Onda Curta, Libro Aberto, Planeta de Cine, Planeta Furancho, Onda Vital, Eirado ou Alalá desapareceron da grella desde 2009.

O BNG reclamará no Pleno de Santiago que se manteñan os espazos de noticias locais e o Diario Cultural na Radio Galega