O BNG require que o Concello elimine os bordos con arestas afiadas das beirarrúas
O guindastre acode diariamente atender danos nas rodas de vehículos que aparcan en zonas de recente urbanización, o que supón un prexuízo económico para as persoas que alí residen
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG, diante das queixas recibidas da veciñanza de novas zonas urbanizadas na cidade, requírelle ao alcalde que busque unha solución para suprimir os bordos con arestas das beirarrúas que incumpren a normativa UNE e a Lei de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas de Galiza.
En concreto, as zonas onde se detectou este problema como Santa Marta, Salgueiriños, As Cancelas e Santas Mariñas, entre outras, son rúas e novas urbanizacións que non atenden a lexislación en vigor e que están a causar graves prexuízos para a veciñanza, posto que constatan como o servizo de guindastre acode diariamente a atender os danos causados nas rodas de vehículos ao aparcar.
Así, a UNE-EN 1340:2004 estabelece que os bordos das beirarrúas deben rematar en chafrán en declive por razóns de seguridade viaria e a Lei de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas de Galiza especifica que os seus cantos han de ser redondeados ou en chafrán, ademais de dar conta da súa altura máxima, que tampouco se cumpre nalgúns casos.
Para o BNG, os menoscabos sufridos e o prexuízo económico que provocan estas arestas afiadas das beirarrúas derivan dos deficientes e potencialmente lesivos elementos instalados na vía pública. En concreto, os danos sufridos en numerosos vehículos dimanan destes bordos peonís de formigón non axeitados á legalidade vixente que, pese a ser instalados por conta da administración pública, presentan uns bordos en aresta, o que supón un evidente risco daniño para as persoas usuarias, tanto vehículos como viandantes.
Ademais, o BNG advirte que o artigo 106.2 da Constitución lles recoñece aos particulares o dereito a seren indemnizados por toda lesión que sufran en calquera dos seus bens e dereitos, agás nos casos de forza maior, sempre que sexa consecuencia do funcionamento dos servizos públicos. De igual xeito, a Lei de Bases do réxime local no artigo 54 estabelece a responsabilidade directa das entidades locais polos danos e perdas causados aos particulares nos seus bens e dereitos como consecuencia do funcionamento dos servizos públicos.