Aprobada unha moción do BNG para substituír as tubaxes da rede de auga potábel que conteñen amianto
Aprobouse por unanimidade a iniciativa do BNG para abrir procesos de contratación para o servizo público das cafetarías da estación de buses, Auditorio de Galiza e Museo da Cidade
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno de marzo unha proposición a destinada a abrir novos procesos de contratación do servizo de cafetaría e restauración da estación de autobuses e do Auditorio de Galiza, que levan dous anos pechados, e o mesmo para a do Museo da Cidade e das Peregrinacións, que xestiona a Xunta. Aprobouse por unanimidade.
Ademais, o BNG defendeu un rogo para que a Concellaría de Facenda lles conceda a exención do IBI aos centros socioculturais de asociacións veciñais, como Aríns e a Casa Agraria, como dispoñen os demais, á parte de que se faga cargo dos gastos ocasionados de luz, auga e calefacción derivados das actividades municipais que alí se realizan.
Outra das iniciativas do BNG foi para demándalle ao Goberno local a substitución da rede de subministración de auga na rúa de Amio e a dotación de beirarrúas, ademais do arranxo do muro de contención sobre o río do Porto. Diante das queixas recibidas da veciñanza sobre as continuas roturas da rede de subministración de auga e o perigo que a rúa de Amio supón tanto para vehículos como para a seguridade cidadá, considera que esta zona require dunha actuación urxente.
O BNG defendeu tamén unha moción para elaborar un plan de substitución das tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento da auga potábel e acadar o compromiso de eliminación de produtos relacionado co amianto. A formación nacionalista requiriu que estes traballos sexan realizados por empresas especializadas, con persoal capacitado e coa normativa de seguridade, así como colaborar coas asociacións veciñais para crear o inventario de instalacións de fibrocemento que conteñen esta substancia perigosa no noso concello.