O BNG require un plan para substituír as tubaxes con amianto na rede de abastecemento de auga

O BNG require un plan para substituír as tubaxes con amianto na rede de abastecemento de auga

Propón crear un inventario de instalacións que conteñen esta substancia perigosa para proceder á súa progresiva eliminación

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG proporá no vindeiro Pleno unha iniciativa para elaborar un plan de substitución das tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento da auga potábel e un compromiso de eliminación de produtos relacionado co amianto. Na moción, require que estes traballos sexan realizados por empresas especializadas, con persoal capacitado e coa normativa de seguridade, así como colaborar coas asociacións veciñais para crear o inventario de instalacións de fibrocemento que conteñen esta substancia perigosa no noso concello.

O amianto ou arbesto é un mineral de fibras flexíbeis con capacidade para ser entrelazadas e que soporta grandes temperaturas. Por estes motivos foi moi utilizado entre 1960 e 1990 como illante de fornos e calefaccións, en tubaxes, pezas do motor de vehículos, materiais de construción e como compoñente en pranchas de Uralita. Tense constancia de que se importaron arredor de 100.000 toneladas de amianto e que a maioría dos edificios construídos entre 1965 e 1985 conteñen este produto. Algúns expertos calculan que os cidadáns e cidadás do Estado español viven entre tres millóns de toneladas de amianto cuxo pó de fibras invisíbeis a simple vista, poden ser inhalados por persoas e animais, que poderían causar cancro de pulmón, de estómago e de pleura.

No Estado español unha orde ministerial aprobada o 7 de decembro de 2001, sobre substancias e preparados perigosos prohibiu a utilización, produción e comercialización de produtos que contivesen amianto. Esta prohibición eliminou unha parte importante do risco pero non significa que o amianto desaparecese do territorio. Toneladas de fibra seguen nos edificios, tubaxes e teitos de Uralita.

Cómpre ser conscientes da complexidade do problema e que será necesaria unha axeitada planificación para a substitución das instalacións de fibrocemento, co fin de perseguir a longo prazo a eliminación deste material no noso concello. Porén, é necesaria a localización, a través do seu inventario, do amianto existente en Santiago de Compostela pois, do contrario, non se tomarán as precaucións axeitadas nin se acudirá a empresas autorizadas, o que pode provocar exposicións inadvertidas e graves consecuencias na veciñanza por unha inadecuada xestións deses residuos perigosos.

O BNG require un plan para substituír as tubaxes con amianto na rede de abastecemento de auga