O BNG valora a inclusión das súas propostas de emprego e servizos sociais nos Orzamentos
Bota en falta partidas concretas para executar acordos plenarios aprobados por unanimidade a iniciativa do BNG
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG trasladoulle ao grupo de goberno de Compostela Aberta unha proposta completa, por escrito e cuantificada mais, en palabras de Rubén Cela, a súa resposta foi oral, sen papeis e onde se di que aceptaron algunhas cuestións, outras parcialmente e outras non; cando quedaron en mandar a documentación para completar.
Sinalou tamén que na reunión entre BNG e CA boas palabras houbo moitas, veremos se hai bos números, porque quedaron cuestións no aire que nos deixan preocupados. Ademais, afirmou descoñecer a literalidade das propostas do PSOE e do PP, que identificou como un dos problemas do modelo de negociación que impuxo o Goberno municipal porque iso lle afecta á posición inicial que manteñan outros.
Das cuestións que aceptou o Goberno de Compostela Aberta hai cousas positivas, queremos dicilo sen ambigüidade, expresou. Referiuse, así, a propostas moi concretas nas partidas dirixidas á creación de emprego, non é o incremento que quixeramos pero hai un aumento, dixo, no ámbito dos servizos sociais aceptaron a proposta de crear unha bolsa educativa complementaria para material e actividades extraescolares e no ámbito do mantemento da cidade incluirase a proposta do BNG un plan a catro anos para evitar asolagamentos e outro tipo de cuestións; parcialmente recolleron algunhas das medidas como o incremento do peso específico en Normalización lingüística ou na formación do persoal municipal.
É certo que o grupo de goberno recolleu diferentes propostas formuladas polo BNG, pero hai moitas outras que non aparecen con consignación orzamentaria e mesmo anunciaron que teñen previsto utilizar remanentes, modificativos de crédito ou fondos pendentes de negociación con outras administracións. Teremos que estudar o documento definitivo que presenten e, en función diso, tomaremos unha posición de voto no Pleno de debate deste orzamento, afirmou Rubén Cela.
En concreto, o BNG bota en falta a inclusión de partidas concretas para acordos plenarios de propostas que trasladou o BNG. O orzamento é a plasmación en números das liñas estratéxicas e das prioridades dun Goberno municipal e, entre elas, ten que estar a execución dos acordos plenarios sobre todo cando son unánimes, xustos e responden a reivindicacións veciñais; do contrario é un brinde ao sol, advertiu.
O BNG acudiu a este proceso de negociación de orzamentos cunha vontade sincera, honesta e construtiva, con propostas concretas para pór enriba da mesa e ten que haber cumprimento de mínimos para determinar o voto, é certo que Compostela Aberta non se pechou en banda a aceptalas e que hai propostas que aparecen recollidas no novo borrador de orzamentos, indicou o portavoz nacionalista en Raxoi.