ELECCIÒNS
O BNG reúnese coa asociación veciñal de Grixoa
Goretti Sanmartín transmitiulle, en nome do BNG, as súas felicitacións “polo traballo ben feito” nas reivindicacións de Miramontes e o seu compromiso de seguir apoiando a veciñanza para conseguir pechar o vertedoiro
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2019.- A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín mantivo un encontro coa asociación veciñal de Grixoa para analizar os puntos que consideran necesarios para incluír no programa que guiará o BNG a partir das eleccións do 26M.
Na xuntanza, na que tamén participaron Pilar Lueiro e Xosé Quintáns, da candidatura do BNG, destacaron a necesidade do completar a rede de saneamento en determinados núcleos, a colocación de colectores de lixo de recollida selectiva, maiores frecuencias e modificación do percorrido para beneficiar a poboación e a instalación de fibra óptica, para poder ter internet en boas condicións.
No ámbito de infraestruturas, reclaman anchear a pista que vai desde Vilar de Grixoa a Son de Abaixo, pasando pola Ponte, posto que a estreitez na ponte non permite transitar dous coches. Esta actuación debe complementarse cunha beirarrúa ou senda peonil nunha das marxes desa mesma estrada, segundo explicaron.
Outras das necesidades son a recuperación de fontes abandonadas, o acondicionamento dun espazo en cada aldea para o lecer e o arranxo do espazo de diante do centro sociocultural como pista multiusos.
Ademais, a candidata Goretti Sanmartín transmitiulle, en nome do BNG, as súas felicitacións “polo traballo ben feito” e o seu compromiso de seguir apoiando a veciñanza “para conseguir pechar o vertedoiro de Miramontes, co obxectivo de que levanten todo o depositado até o momento”.
Deste xeito, destacou que o BNG trasladará ao Parlamento europeo, máis unha vez, a situación ambiental do vertedoiro de Miramontes para lle facer seguimento.