O BNG de Santiago defenderá no Pleno que se supriman os cortes de luz a vivendas con poucos recursos
Esixe tamén a creación dunha tarifa eléctrica galega para compensar os custes sociais e ambientais do exceso da produción destinada a exportación
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2013.- O BNG avogará no vindeiro Pleno por demandar da Xunta de Galiza que se realicen as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias con poucos recursos e a reclamar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para 2014. A formación nacionalista esixe tamén a creación dunha tarifa eléctrica galega que, pola condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite un menor prezo da luz tanto para o consumo doméstico como para as empresas galegas.
Segundo explicou o portavoz do grupo municipal do BNG en rolda de prensa, as políticas económicas e sociais do PP están a empobrecer o conxunto da poboación. En Santiago hai 22.000 persoas nunha situación de pobreza das que 4.000 sofren pobreza extrema, segundo datos dun informe de Cáritas, que é indicativo de que hai milleiros de familias con problemas para sufragar os gastos de alimentación e de calefacción. Isto é así pola combinación perversa de dous factores: desemprego, precarización, baixos salarios e baixas pensións, xunto co aumento da presión fiscal coa suba do IVE, do transporte e das peaxes, do recibo do lixo, da luz e do copago de medicamentos, entre outros, afirmou Rubén Cela.
Cada día hai máis fogares en Santiago de Compostela con todos os seus membros en paro ou que viven cunha pensión mínima ou con axudas sociais. Perante iso, o BNG solicitou novas bonificacións no IBI, entre outras medidas, e o Concello tamén pode facer algo contra a denominada pobreza enerxética. Segundo explicou Rubén Cela, no Estado español antes do inicio da crise cortóuselle a luz por impago a 600.000 vivendas; mais en 2012 foron 1,4 millóns afectadas. Así, puxo como exemplo que en Francia está prohibido o corte da luz ás familias en época invernal e que en Alemaña o Estado sufraga os gastos de calefacción e de alugueiro a persoas desempregadas de longa duración. Isto está tamén a debate noutros lugares como Catalunya.
Cómpre avogar, pois, por unha reforma a fondo da normativa do sector eléctrico, tanto para corrixir os inxustos e elevados beneficios que se xeran co formato actual de poxas de enerxía no mercado maiorista, co que se poría fin á escalada no incremento do déficit da tarifa. A liberalización demostrou que beneficia só ás grandes empresas enerxéticas a custo dunha política abusiva coa maioría das persoas abonadas.
Esta situación prodúcese nun contexto en que Galiza é excedentaria na produción de electricidade mentres padece os custos sociais e ambientais que supón a xeración eléctrica e non obtén ningún beneficio desta condición.