O BNG defenderá no Pleno o traslado de Eduardo Vigo a Galiza
A dispersión penitenciaria incumpre o dereito fundamental á reinserción social
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2013.- O grupo municipal do BNG de Santiago defenderá no vindeiro Pleno o traslado de Eduardo Vigo a un centro penitenciario de Galiza, para que cumpra a súa condena preto da súa familia e do seu lugar de residencia, co fin de garantir a efectividade do dereito fundamental á reinserción social e de evitar o seu desarraigo social. O BNG aposta, así mesmo, porque se garanta o respecto dos dereitos fundamentais de Eduardo Vigo durante a súa permanencia en prisión.
O BNG mantén unha posición inequívoca de condena e rexeitamento, de xeito firme e coherente, da violencia calquera que sexa a súa finalidade. Ao mesmo tempo, tamén amosa a súa convicción de que a loita contra os actos violentos e as persoas e organizacións que os provocan deben facerse a través de respostas enmarcadas no respecto dos principios recollidos nas normas sobre dereitos humanos, civís e políticos de calquera persoa.
Eduardo Vigo é un veciño de Santiago de Compostela de 28 anos de idade e residente a maior parte da súa vida na súa aldea natal de Angrois. En 2011, foi detido e aplicóuselle o réxime de incomunicación. Actualmente está na cadea de Mansilla de las Mulas-León; con anterioridade, estivo na prisión de Córdoba a 982 quilómetros de Santiago, cando existe no concello de Curtis un estabelecemento penitenciario que dista 59 quilómetros da súa casa. Esa determinación do cumprimento da súa condena incumpre o previsto no artigo 12 da Lei orgánica 1/1979, xeral penitenciaría que, con carácter xeral ordena a que a administración conte con centros diseminados por todo o territorio para evitar o desarraigo social das persoas condenadas.
Como recolle o texto da moción do BNG, o dereito fundamental á reinserción social que as normas, tanto estatais como internacionais, recoñecen a todas as persoas que cumpren penas en prisión, está vinculado ao cumprimento das penas en ámbitos territoriais onde teñan lazos familiares e sociais, de xeito que a dispersión e o afastamento que se lle aplican a Eduardo Vigo afecta negativamente á efectividade deste dereito básico.