O BNG defendeu no Pleno a convocatoria do Debate de Estado do Concello, mais o PP rexeitou a moción
O voto negativo do PP e a abstención do PSdeG impediron que se tratase a iniciativa do BNG para o traslado de Eduardo Vigo a Galiza
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2013.- O BNG defendeu no Pleno de decembro unha iniciativa, que non foi aceptada polo PP, para instar ao alcalde a cumprir o regulamento municipal e convocar o Debate do Estado do Concello. Rubén Cela puxo en evidencia a falta de respecto do PP ás normas de funcionamento da institución, aos grupos da oposición e á veciñanza de Compostela ao non convocar, un ano máis, ese debate coa sospeita de que non fai para evitar facilitar información e tratar temas que lle resultan molestos como os relativos ás diversas investigacións xudiciais sobre os casos de presunta corrupción da súa xestión no Goberno do Concello de Santiago de Compostela.
Outra das mocións do BNG ía destinada a demandar da Xunta de Galiza que se realizasen as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias con poucos recursos e a reclamar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para 2014. O PP eludiu o debate co seu voto en contra desta moción.
O concelleiro Rafael Vilar esixiu tamén a creación dunha tarifa eléctrica galega que, pola condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilitase un menor prezo da luz tanto para o consumo doméstico como para as empresas galegas. En Santiago hai 22.000 persoas no limiar da pobreza, das que 4.000 sofren pobreza extrema, indicativo de que hai milleiros de familias con problemas para sufragar os gastos de alimentación e de calefacción.
O voto negativo do PP e a abstención do PSdeG impediron que se debatese a moción do BNG para o traslado de Eduardo Vigo a un centro penitenciario localizado en Galiza, para que cumpra a súa condena preto da súa familia e do seu lugar de residencia, co fin de garantir a efectividade do dereito fundamental á reinserción social e de evitar o seu desarraigo social. O BNG apostou, así mesmo, porque se garanta o respecto dos dereitos fundamentais de Eduardo Vigo durante a súa permanencia en prisión. O pai e a nai de Eduardo Vigo asistiron como público a este punto do Pleno e abandonaron a sala logo de que se rexeitase o seu debate.
A concelleira Elvira Cienfuegos defendeu outra iniciativa para demandar arranxos nos centros educativos públicos, tendo en conta que o Goberno local do PP non os realizou no último verán e presentan notábeis deficiencias. Entre as preguntas rexistradas polo BNG, destaca a petición de información sobre a liña de transporte público que vai a Aradas e a súa prolongación a Lamascal e Vrins, outra sobre as condicións de adxudicación da pista de xeo da alameda e unha terceira a respecto do proxecto do centro cívico do Romaño.