O BNG lamenta que non se tivesen en conta as emendas que presentou ás ordenanzas fiscais para 2014
Unha vez máis ponse en evidencia a falta de respecto do PP aos grupos da oposición, asociacións e á veciñanza de Compostela
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2013.- O grupo municipal do BNG lamenta que non se tivesen en conta as diversas emendas que presentou ás ordenanzas fiscais para 2014 para facer modificacións na política contributiva, de cara a conseguir un sistema social máis xusto orientado á creación de emprego, ao impulso da actividade económica, á corrección de desigualdades e á protección das persoas con menos recursos.
Hoxe sae publicada no Boletín Oficial da Provincia a aprobación definitiva do expediente 2013/01 de modificación de Ordenanzas fiscais de ingresos públicos sen terlles comunicado aos grupos da oposición e demais colectivos o porqué da non consideración das alegacións presentadas.
O BNG propoñía unha sistema de bonificacións do Imposto de Actividades Económicas (IAE) para o mantemento do tecido empresarial no que afecta a autónomos e pequenas empresas consistente na redución nun 50% para mulleres e para persoas emprendedoras menores de 35 anos. Isto podía ser un estímulo para a reactivación económica, indicou Rafael Vilar.
Outra das emendas do grupo do BNG ía destinada ao fraccionamento do pagamento do IBI en 12 mensualidades para persoas que acreditasen ser desempregadas ou pensionistas.
Ademais, o BNG propoñía aplicar un cargo do 25% á inmóbeis de uso residencial desocupados con carácter permanente, para o que se debería elaborar un censo de vivendas baleiras. Deste xeito, o grupo municipal nacionalista incide na necesidade de estabelecer mecanismos para favorecer a progresividade no pagamento de impostos é evidente que quen ten catro, cinco ou seis vivendas ten maior poder adquisitivo que quen só posúe unha e co incremento dese 25% no IBI nas seguintes vivendas sería un incentivo para mobilizar o importante parque de vivendas baleiras que hai en Santiago.
Para fomentar o uso das enerxías limpas, o BNG optaba por ofrecer unha bonificación do 25% para quen instalase sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía proveniente do sol para autoconsumo, durante tres períodos impositivos consecutivos.
Coa bonificación por domiciliación e empadroamento, reflectida noutra das alegacións do BNG ás taxas fiscais, fomentaríase estar ao corrente no cumprimento de pagamento de todas as obrigas tributarias co Concello e unha previsión para gañar liquidez nas arcas municipais.
Cobro do IBI nos locais comerciais da Igrexa
Advertiu tamén que non se emendaron os erros de período de cobro do IBI para quen non fraccione o pagamento, volveranse repetir os problemas de coincidencia do imposto de vehículos ou do IRPF. Tampouco se tiveron en conta as propostas do BNG dirixidas ao pagamento do IBI nos inmóbeis da Igrexa católica con usos comerciais ou particulares e que non deberan estar exentos.
Ademais, Rafael Vilar indicou que unha vez máis ponse en evidencia a falta de respecto do PP ás normas de funcionamento das institucións, aos grupos da oposición, asociacións e á veciñanza de Compostela ao non ter en conta as emendas presentadas por todos eles, aprobando de xeito definitivo o expediente de modificación de Ordenanzas de ingresos públicos sen contestar as reclamacións feitas por estes colectivos áo dito expediente.
O BNG reproba este xeito de actuar dos populares. É a antítese dun Goberno transparente, responsábel e que cumpre as normas institucionais e éticas, concluíu.