O BNG pregunta polo método escurantista do PP para rexeitar as emendas ás taxas fiscais

O BNG pregunta polo método escurantista do PP para rexeitar as emendas ás taxas fiscais

As persoas que rexistraron as alegacións non recibiron notificación de que non fosen aceptadas

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2014.- O grupo municipal do BNG de Santiago rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde de Santiago para coñecer os motivos polos que non se tiveron en conta as emendas presentadas ás taxas fiscais e en que órgano se tomou ese acordo. Así, quere saber cal foi o método seguido polo Goberno local do PP para rexeitar as emendas ás taxas fiscais que foron aprobadas de xeito escurantista e de costas á cidadanía.

O pasado 26 de decembro publicábase no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a aprobación definitiva do expediente 2013/01 de modificación de Ordenanzas de ingresos públicos. Este anuncio recollía que “durante o prazo de exposición ao público non se presentaron reclamacións contra os acordos de aprobación inicial da modificación das ordenanzas de ingresos públicos, polo que se entenden definitivamente aprobadas”. Ao BNG cónstalle que se presentaron alegacións tanto dos grupos da oposición, como doutras entidades, asociacións e mesmo de veciños e veciñas da cidade que quixeron contribuír coas súas propostas.

Neste sentido, o BNG quere saber quen decidiu non ter en conta ningunha das emendas presentadas e se existe algún informe que reflicta os motivos que desestimaron todas as emendas, tendo en conta que as persoas que as rexistraron non recibiron notificación de que non fosen aceptadas.

Para o BNG, este xeito de proceder do Goberno do PP de Santiago está afastado dunha política aberta á participación cidadá, á práctica do diálogo e da busca do consenso cos axentes sociais, coas entidades representativas e coa veciñanza en xeral. A formación nacionalista considera que a participación social debe ser o alicerce da política municipal como medio para emprender unha acción de Goberno acaída ás demandas e ás necesidades da cidadanía e, ao mesmo tempo, debe ir destinada a acadar o apoio social necesario para a súa aplicación.

Entre outras emendas, o BNG propuña introducir unha bonificación do 50% no Imposto de Actividades Económicas (IAE) para mulleres e para persoas emprendedoras menores de 35 anos, o fraccionamento do pagamento do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) en 12 mensualidades para persoas que acreditasen ser desempregadas ou pensionistas, unha bonificación do 25% para quen instalase sistemas de autoconsumo para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía solar ou a aplicación dun recargo do 25% no IBI a inmóbeis de uso residencial desocupados con carácter permanente para as rendas altas compensaren os fogares con menos recursos e axudaren a mobilizar o mercado de alugueiro.

O BNG pregunta polo método escurantista do PP para rexeitar as emendas ás taxas fiscais