O BNG esíxelle ao alcalde que este ano se implique máis na loita contra o paro
A cifra real do desemprego é moito maior que a oficial ao haber persoas que non figuran nas estatísticas
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, destacou que Santiago de Compostela precisa que o Goberno local se implique máis en adoptar medidas para a creación de emprego en 2014.
Só con políticas que garantan a creación de emprego estábel se pode encetar o camiño da reactivación económica, indicou Rubén Cela ao coñecer os datos do paro referidos ao mes de decembro de 2013, que alcanzan as 8.845 persoas inscritas como demandantes de emprego en Santiago e das que 6.174 pertencen ao sector servizos.
Hai tres motivos fundamentais para saber que a cifra real do paro é moito maior que a oficial ao haber persoas que non figuran nas estatísticas a pesar de estar buscando traballo, como as que se matriculan en cursos de formación, moitas das que esgotan as prestacións e as que decidiron emigrar, explicou Rubén Cela.
Segundo explicou o portavoz nacionalista, o Concello debe poñer as bases para buscar solucións, xunto con outras administracións, para paliar a situación que vive cada unha desas persoas que queren atopar un posto de traballo na nosa cidade, antes de que se vexan abocadas a emigraren como fixeron máis de 3.000 menores de 35 anos nos últimos dous anos.
A nosa cidade necesita solucións para frear a precariedade e a destrución de postos de traballo que agudizou a crise e que acrecentaron as políticas do PP nos últimos anos, insistiu.