Rubén Cela indica que a redución de pasaxeiros de Lavacolla en 2013 é froito da política do PP
Require un cambio na estratexia actual que agravou Feijóo ao eludir as súas responsabilidades na ordenación do mapa aeroportuario galego
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou que a actual política aeroportuaria conduce a unha redución de pasaxe e de perda de peso específico de Lavacolla.
No balance realizado, a pesar de que Aena aínda non ten publicados formalmente os datos de decembro e polo tanto o cómputo total de 2013, para o BNG resulta evidente que o aeroporto de Lavacolla vai pechar 2013 por debaixo dos 2,1 millóns de pasaxeiros que representa unha baixada con respecto ao exercicio anterior de 5 puntos porcentuais, agudizada coa baixada de 10,9 puntos sobre 2012, explicou. Imos quedar moi afastados daquela cifra de 2011 de 2,484.000 pasaxeiros e pasaxeiras, engadiu Rubén Cela.
Destacou tamén que resultado do aeroporto de Lavacolla en 2013 foi negativo para o aeroporto, para a economía de Santiago de Compostela e para Galiza. A actual conxuntura económica, na que se realizan menos viaxes de negocios e de lecer, non é a única razón que xustifica ese resultado e a mostra máis evidente é a evolución do aeroporto de Sá Carneiro, afirmou, que en 2006 non chegaba a mobilizar 3 millóns de pasaxeiros e en 2012 superou os 6 millóns mentres Lavacolla caía case 11 puntos.
Nun contexto como o portugués no que a recesión foi aínda máis pronunciada que no Estado español, un aeroporto ben xestionado e coordinado cunha boas políticas públicas de promoción das novas conexións, de ampliación das frecuencias e da mellora da competitividade no ámbito dos prezos fai que os resultados sexan bos incluso nun resultado tan adverso, sinalou.
O PP fai unha política de bandazos
O PP fai unha política de bandazos, un día aposta por non subvencionar ás aeroliñas e outro usa os orzamentos do propio Concello de Santiago para promoción exterior que non deixa de ser un eufemismo para a captación e permanencia de determinadas conexións aeroportuarias, indicou.
Pasaxe internacional
Para Rubén Cela, o único dato positivo de 2013 é o da pasaxe internacional, con máis de 300.000, aínda que pode levar a confusión porque non quere dicir que nos visitaran 300.000 persoas do estranxeiro. Puxo como exemplo a conexión Santiago-Basilea, operada por Easyjet, cunha pasaxe de orixe galega, pois está focalizada para a emigración galega a Suíza, aínda que computa neses 300.000 como se fosen turistas.
Cómpre un cambio de rumbo de 180º
Así, demandou un cambio de rumbo de 180º nas políticas aeroportuarias e sinalou que o conselleiro Agustín Hernández anunciou a inminente publicación do informe para a ordenación do sistema aeroportuario galego, con múltiples coincidencias con aquel informe de Aena. Requiriu, ademais, un cambio na estratexia actual que agravou Feijóo ao eludir as súas responsabilidades como presidente da Xunta na ordenación do mapa aeroportuario galego e ao deixar nas mans dos alcaldes das cidades onde están asentadas as terminais.
Explicou tamén que carece de sentido que a concelleira de Turismo de Santiago negocie conexións internacionais dun xeito unilateral sen saber que fan os homólogos das outras cidades e así é imposíbel evitar as duplicidades e investir os recursos públicos con criterios de racionalidade, de eficiencia de eficacia e, sobre todo, de interese para o país.