PLENO
O BNG de Santiago propón colocar paneis fotovoltaicos nas instalacións públicas municipais
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021.- O BNG defenderá no Pleno unha iniciativa para que o Concello de Santiago realice estudos para acollerse ás subvencións de colocación de paneis fotovoltaicos nas instalacións públicas municipais de cara a apostar polas enerxías renovábeis, a soberanía enerxética e o aforro na factura eléctrica.
Ademais, proporá que organice unha xornada de divulgación do autoconsumo eléctrico para particulares e empresas impartida por profesionais especializados que informen a persoas interesadas en realizaren estas instalacións en edificios residenciais, naves industriais ou explotacións agrarias.
Cada vez son máis as administracións públicas que apostan pola promoción das instalacións de autoconsumo con enerxía fotovoltaica, mesmo coa redacción de ordenanzas municipais que regulan os paneis solares e as bonificacións nas taxas fiscais, explicou. Ademais, segundo datos da Xunta, as instalacións de autoconsumo eléctrico mediante paneis solares fotovoltaicos tiveron un crecemento interanual superior ao 250% en Galiza. En setembro de 2020 había 449 anotadas no rexistro da Xunta e na actualidade xa hai 1.616 instalacións con paneis fotovoltaicos.
“É o momento de buscar axudas para apostar polas enerxías renovábeis como a instalación de paneis fotovoltaicos, pois hai axudas tanto do Ministerio de Transición Ecolóxica como dos Feder que poden subvencionar estas instalacións”, sinalou. O Concello de Santiago, no seu rol dual de consumidor e de Administración pública, debe desempeñar unha función exemplarizante na tarefa de descarbonizar a economía e de avanzar na soberanía enerxética municipal e galega.
Santiago de Compostela pode, así, estudar a disposición de paneis fotovoltaicos para o aproveitamento eléctrico mediante a enerxía solar nas propias instalacións municipais, colexios, centros deportivos, piscinas e centros socioculturais, entre outros. Con este sistema pódense evitar emisións de CO2 e de óxido de nitróxeno que contaminan a atmosfera, alén de aforrar grandes cantidades económicas na factura eléctrica municipal, engadiu.