EMPREGO
O BNG súmase ás reivindicacións do Primeiro de Maio e reclama maior coordinación entre administracións para recuperar o emprego
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou “maior coordinación entre administracións para recuperar o emprego e os dereitos laborais ante a pandemia do coronavirus”. O BNG súmase á convocatoria para cantar a Internacional ás 12:00 nas fiestras este Primeiro de Maio.
Nesta crise producida polo covid-19 aflorou unha realidade oculta derivada, en boa medida, pola economía somerxida onde predominan a precariedade e as discriminacións de xénero, que xunto á emigración, desmantelamento da industria e deslocalización de empresas que sufriu Santiago de Compostela na última década provoca que milleiros de persoas teñan que acollerse á axuda para produtos básicos de alimentación e hixiene.
Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referidos ao primeiro trimestre de 2020, en Santiago incrementouse en 3,6 puntos a taxa de paro e sitúase nun 8,8%, deste xeito foi a cidade galega onde máis subiu esta porcentaxe. Ademais, rexistra 1.000 persoas empresarias menos que hai un ano e 500 menos que en decembro de 2019, o que revela unha progresión que non só vén derivada da crise do coronavirus. En canto ás persoas asalariadas, están rexistradas 25.900 o que supón 2.200 menos que no trimestre anterior.
Goretti Sanmartín expresou a súa preocupación polo feito de que a metade das empresas asociadas á Cámara de Comercio estean baixo unha situación de ERTE e que aínda non cobrasen a prestación que lles corresponde. “Isto é un defecto por parte das administracións, que non facilitan este pagamento e dificulta as economías domésticas e empresariais, pois neste tempo as empresas teñen que seguir a abonar recibos de gasto corrente, préstamos, alugueiros e outros gastos cando levan case dous meses sen percibir ingresos ao non poder exercer a actividade”, explicou.
Neste sentido, o BNG aposta por coordinar desde as distintas administracións as políticas para frear o paro, a emigración e os recortes de dereitos laborais “porque desde a Xunta e o Estado se pode facer moito máis para reactivar a economía e evitar a precariedade”.
Defende tamén medidas para a diversificación económica e a reorientación de negocios que estaban vinculados en exclusiva ao turismo, tendo en conta que vai ser un dos principais sectores afectados por esta crise.
Ademais, aproveitou para reclamar medidas de protección para garantir a seguranza e saúde laboral en todos os sectores, “pois cando se retome a actividade debe haber protocolos claros para evitar posíbeis contaxios de coronavirus”.