CULTURA
Goretti Sanmartín presenta o Plan de revitalización do sector cultural para Santiago de Compostela con medidas por 1,5 millóns de euros
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020.- O grupo municipal do BNG elaborou un Plan de revitalización do sector cultural para Santiago de Compostela, contrastado con profesionais deste ámbito, “para presentarlle propostas ao Goberno local de cara a reorientar a programación e adaptala a pequenos formatos para que nos meses de xullo, agosto e setembro permita ter unha actividade importante a nivel cultural na cidade e afrontar as consecuencias da pandemia do coronavirus”, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa.
Explicou que o BNG xa anunciou algunhas das medidas na últimas semanas que están recollidas nun documento que enviou ao grupo de Goberno local. “É fundamental que falen co sector, que poida ter voz e por iso é necesario reunir o Consello municipal de Cultura para poder planificar a actividade cultural”, destacou.
“Santiago de Compostela está en condicións nestes momentos de dedicar unha cantidade de 1,5 millóns de euros a este plan de revitalización cultural”, sinalou a portavoz municipal, “pois ten o Orzamento de 2020 aprobado e dispón de 11 millóns de euros de remanentes de 2019”.
Reprogramación e pagamento anticipado
Neste sentido, reclamou “a reprogramación das actividades que estaban previstas e o pagamento anticipado dos gastos e contratos que as empresas culturais tiveron que realizar, ademais de axilizar o pagamento das facturas pendentes de cobro por actuacións realizadas ou contratos asinados con anterioridade á crise, pois é fundamental para garantir a liquidez das empresas culturais”.
Estima necesaria “unha colaboración con outras administracións” para evitar o solapamento e duplicidades, ademais de ser necesario “coordinarse cos concellos da comarca”, pois as actividades poden duplicarse e rotar por diferentes lugares de Santiago ou da comarca, ao estar adaptadas a pequenos formatos e servir para potenciar os espectáculos ao aire libre. “Santiago é unha cidade magnífica para aproveitar os espazos naturais e que o público se reencontre de maneira directa co ámbito cultural, de xeito descentralizado e tamén nas parroquias do rural”, afirmou. Así, propón realizar un programa cultural para os meses de xullo, agosto e setembro ao que se deben dedicar un mínimo de 300.000 euros.
Urxe a convocatoria de axudas culturais de 2020
Ademais, considera fundamental publicar a convocatoria de axudas ao sector cultural, con axudas directas a profesionais e particulares que presenten proxectos e tamén para o tecido asociativo sen ánimo de lucro. Hai que triplicar a cantidade da última convocatoria formal de 2018 e investir un mínimo de 300.000 euros para axudas ao sector profesional e 150.000 para axudas a asociacións culturais e entidades sen ánimo de lucro, cun prazo que chegue a marzo de 2021 por se hai que adiar de novo algunha das actividades. É fundamental que se realice un pagamento anticipado do gasto e un segundo pago cando se desenvolvan as actividades.
Defende tamén que as actividades sexan “de carácter transversal” entre os distintos departamentos municipais entre cultura, turismo, comercio, ensino, sanidade pois o sector cultural é un motor de dinamización do sector terciario e hai que favorecer esas sinerxías. Puxo como exemplo “que o sector comercial e da hostalaría poidan contratar espectáculos que dinamicen a actividade nas rúas e nas aulas dos centros de ensino”. Para iso, inclúe unha proposta valorada en 200.000 euros.
En canto ao libro, librarías e editoriais, considera necesario que “o Concello faga compra directa nas librarías para bibliotecas e centros escolares”, ademais de ofertar un bono familiar de libros, de organizar actividades de fomento da lectura e de buscar datas para a Feira do Libro e para a SELIC. Propón destinar unha cantidade mínima de 100.000 euros a maiores para estas actividades. Fixo referencia tamén a potenciar a narración oral, por ser idónea para os aforos pequenos do rural e centros de ensino nesa oferta descentralizada, para o que propón dedicar 50.000 euros máis.
Outra das propostas é facer unha “campaña de seguranza e promoción de salas de cine, museos, teatro, música, galerías de arte e artesanía”, para a que se poden destinar 6.000 euros para recuperar a confianza e fidelización a estas actividades.
Roteiros literarios, artísticos e de patrimonio
Referiuse tamén á necesidade de difundir legados artísticos e efemérides vinculadas a Santiago de Compostela, como as obras de Carlos Maside que están no pazo de Bendaña, as actividades relacionadas co ano Carvalho Calero e o centenario do Ano Nós, que poden ser ao aire libre mediante roteiros relacionados con obra de escritoras, escritores, artistas e vinculados ao patrimonio. Para isto, propón incluír 120.000 euros.
No relativo ás festas, considera que ademais do que xa estaba incluído no Orzamento municipal, hai que “reorientar a planificación nos barrios e nas parroquias para que poida incentivarse a contratación de empresas do sector cultural compostelán para que a cultura local estea presente en aforos máis reducidos”, ademais de apoiar a proposta da Asociación de Hostalaría de que se poida celebrar o Banquete de Conxo en xullo e que poida estenderse a distintas zonas da cidade.
Creación dun bono cultural e actividades de conciliación
Outro punto é a creación dun bono cultural que inclúa descontos específicos e que vaia encamiñado “a estimular e diversificar o consumo, xunto cunha campaña de captación de públicos e promoción da cultura local e galega en todas as súas expresións”. Isto debe ir acompañado de actividades de conciliación, para deixar crianzas e persoas dependentes con programación específica. Proponse comezar estas iniciativas cunha dotación inicial de 100.000 euros.
O BNG aposta pola redefinición da programación do Xacobeo 2020 e 2021 para convertelo nunha ferramenta de reactivación e apoio aos sectores profesionais da cultura galega. Este evento do Xacobeo debe constituír unha oportunidade para a recuperación económica e cultural e servir para a proxección internacional de artistas de Compostela e de Galiza, para dar a coñecer a creatividade no noso país. Para iso, propón que o 90% das contratacións sexan a persoas creadoras e artistas galegas.
Goretti Sanmartín considera necesaria unha alianza entre as administracións local, galega e estatal para a captación de fondos para o Consorcio da Cidade de Santiago, para que volva recuperar a súa capacidade económica e poida reverter na mellora das condicións de vida e da posibilidade de sobrevivir este rico tecido cultural que é marca de identidade de Santiago de Compostela.
Destacou que o sector cultural é moi precarizado e xa antes desta crise demandaba reformas, o desenvolvemento de Estatuto de Artista, regularizar a afiliación á Seguridade Social, crear un sistema fiscal acorde á súa realidade, garantir a xubilación digna ou o dereito á prestación do paro. Se no Estado español o sector cultural representa o 2,4% do PIB e en Galiza o 2,5%, en Santiago é o 5,2%, do PIB ademais de ser a cidade galega con máis emprego vinculado á cultura. “Por iso temos que mimar e protexer de xeito especial este sector e adoptar as medidas que o activen economicamente”, destacou.
Segundo o Informe Anual da Cultura elaborado por Marcos Lorenzo, en Santiago hai 2.307 afiliadas á Seguridade Social no sector cultural e son 494 empresas culturais as que teñen a súa sede na nosa cidade. “Hai que declarar a cultura como un ben de primeira necesidade, como un dereito básico e é necesario mitigar os despedimentos e suspensións de contratos neste ámbito polos efectos desta crise”, engadiu.
Lembrou que o BNG presentou iniciativas no Congreso para reducir o IVE cultural e que tamén proporá no Concello de Santiago mediante unha declaración institucional sumarse a esta demanda. Tamén o BNG presentou propostas no ámbito galego, para crear liñas de apoio ao sector, préstamos para as necesidades de liquidez das empresas e para elaborar programas na CRTVG que teñan en conta o apoio, visibilización, promoción e produción da creación cultural galega, explicou.
Pódese ver a rolda de prensa neste vídeo.