O BNG traslada ao Parlamento as demandas da comunidade educativa do CEIP de Vite
Ana Pontón insta á Xunta a abandonar a política de recortes do ensino público e priorizar o dereito de todos os nenos e nenas a teren unha atención de calidade. Require dotar de inmediato o CEIP de Vite 1 de catro coidadores/as máis e dun profesor/a de apoio (PT) a tempo completo
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego, ante os problemas de inicio do curso escolar e as queixas da comunidade educativa, rexistrou unha iniciativa no Parlamento para instar á Xunta a dotar de inmediato o CEIP de Vite 1 de catro coidadores/as máis e un profesor/a de apoio (PT) a tempo completo, co obxectivo de garantir unha educación de calidade, integradora e igualitaria para todo o alumnado.
O CEIP de Vite I en Santiago de Compostela é un centro público que sofre de xeito alarmante os recortes en materia de educación pública, segundo recolle o texto da Proposición Non de Lei. Así, toda a comunidade educativa leva dende o inicio de curso protestando polos recortes e a desatención que sofre o alumnado que require necesidades educativas especiais. De feito, a maioría das nais e pais decidiron, como medida de protesta, non enviar os seus fillos e fillas á clase.
Estas demandas están fundamentadas na carencia de profesorado docente e específico. Para o BNG, trátase de recortes que lles están afectando xustamente a aqueles menores que teñen máis necesidades e que precisan persoal de apoio.
Ademais, resulta dramático que se estea a xogar coa educación dos nosos nenos e nenas e que se degrade un dos principios básicos como é a integración e a igualdade, explicou a deputada Ana Pontón. Co agravante de que este centro se usa pola Consellaría de Educación como centro referente de persoal con diversidade funcional, mais despois non se dota do persoal preciso, engadiu.
Urxe, pois, abandonar a política de recortes do ensino público e priorizar o dereito de todos os nenos e nenas a teren unha atención de calidade, indicou a deputada nacionalista.