Cambios positivos nos 100 días de Goberno de CA pero a política foi máis de xestos que de feitos"
Rubén Cela empraza a CA a traballar máis, con maior destreza, humildade e facendo un esforzo real de diálogo e de consenso cos grupos municipais
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, Rubén Cela, realizou unha valoración dos 100 días do Goberno local de Compostela Aberta en que apreciou cambios positivos, pero unha política máis de xestos que de feitos.
Nestes 100 días apreciamos cambios positivos como a actitude do Goberno municipal durante a tractorada ou a decisión política de trasladarlle á Xunta de Galiza a paralización do proxecto de especulación urbanística en Xoán XXIII, explicou, do mesmo xeito que hai unha predisposición e maior sensibilidade a temas culturais e sociais que son positivos.
Porén, neste tempo non se albiscaron o proxecto global para Santiago de Compostela nin as liñas estratéxicas prioritarias, houbo máis política de xestos que de feitos. Para Rubén Cela, a política de acenos e de símbolos son importantes e coincide nas decisións de izar a bandeira LGBTI, a proposta do BNG, ou de diferenciar a participación institucional e os actos relixiosos; mais isto non resolve os principais problemas e necesidades de Compostela, afirmou Os xestos están ben, pero non abondan; ten que haber algo máis, engadiu.
Actúa como se tivese maioría absoluta, cando non a ten
Para o BNG, o Goberno local de Compostela Aberta manifesta evidentes carencias de coordinación e de xestión do día a día, como se puido comprobar cos comedores escolares e coas escolas infantís, ademais de actuar en moitas ocasións como se tivese maioría absoluta cando non a ten, indicou Rubén Cela. Por primeira vez na historia se impediu o debate en Pleno dunha proposición dun grupo político da Corporación, neste caso do PP. Nós non estamos de acordo co que defende o PP nesa proposición, pero estamos de acordo con que se debata todo no Pleno municipal e que todos os grupos teñan ese dereito, sinalou.
Chama tamén a atención que diversos edís do Goberno local se queixasen de que non podían rozar ou asfaltar as fochancas porque non había partida e que anunciasen que ían tramitar de urxencia modificativos de crédito para destinar cartos doutras partidas a actuacións prioritarias cando aínda non o fixeron por posíbel falta de coordinación.
O portavoz nacionalista explicou tamén que coincidencia de propostas entre Compostela Aberta e o BNG no papel é alta e agora toca executalas. Así, emprazounos a traballar máis, con maior destreza, humildade e facendo un esforzo real de diálogo e de consenso cos grupos municipal. Oxalá que así sexa, porque Santiago non pode perder máis tempo, agregou.