A Declaración de Zaragoza non atende ao carácter diferencial que Galiza require en financiamento
CA ten certa confusión entre o ámbito institucional e o partidario porque as adhesións a este tipo de declaracións debátense previamente en Pleno
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa que o Goberno local de CA ten certa confusión entre o ámbito institucional e o partidario e puxo como exemplo a Declaración de Zaragoza, que non foi aprobada en Pleno e que non atende ao carácter diferencial que as entidades locais de Galiza requiren en financiamento.
Así, referiuse á Declaración de Zaragoza na que participou a concelleira de Facenda que dende o meu punto de vista, do que coñecemos a través dos medios de comunicación, corresponde máis ao ámbito partidario que ao institucional, porque se cumprise uns requirimentos mínimos de adherirse o Concello de Santiago a calquera rede institucionalizada debe levarse ao Pleno e debaterse, indicou Rubén Cela.
Santiago de Compostela está en diversas redes institucionais de carácter turístico, ambiental e social, explicou, e o lóxico é que esta se levase a Pleno e os grupos políticos tivésemos posibilidade de valoralo, porque non sabemos se se dirixiron a todos os concellos do Estado ou o criterio elixido para esa declaración.
Sobre o contido, explicou que obvia o problema fundamental que ten Santiago de Compostela e que comparte cos concellos de Galiza sobre o sistema financiamento por parte do Estado español, que cualificou de insuficiente, inxusto e que non atende á especificidade nin ao carácter diferencial de Galiza na dispersión e no envellecemento da poboación.
Santiago de Compostela ten 220 km2 cunha dispersión de parroquias e de lugares "que non ten nada que ver con prestar servizos na cidade de Madrid", en abastecemento, saneamento, alumeado, transporte e atención domiciliaria, por exemplo. Ademais, Zaragoza, xunto con Málaga, son cidades das mellor tratadas en termos porcentuais nese reparto de financiamento vixente no Estado español, con cantidades que distan moito das recibidas nas cidades galegas.