PLENO
O BNG traslada ao Pleno a creación dun modelo sustentábel de enerxía eólica para frear a invasión de parques con aeroxeradores
Este boom eólico é un espolio, pois está a facerse sen control público, sen protección do patrimonio natural nin compensación na economía local
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021.- O BNG traslada ao Pleno unha moción destinada a frear a invasión de parques eólicos en Galiza. Así, reclamará desenvolver e aprobar un novo marco regulador do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e ambientais, a comezar por un novo Plan Sectorial Eólico tendo en consideración as necesidades de Galiza e o papel doutras tecnoloxías, ademais de contar cunha ampla participación de asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación e comunidades de montes.
Nos mapas da Xunta e do Ministerio de Transición Ecolóxica figuran rexistrados 21 proxectos eólicos na área de Compostela -concretamente nas comarcas de Ordes, Xallas, Barcala e Sar- emprazamentos onde está a xurdir oposición social pola afectación hidrolóxica, arqueolóxica e de impacto ambiental, urbano e paisaxístico dos máis de 200 aeroxeradores previstos. “Fronte a isto, o BNG defende un modelo de enerxía eólica sustentábel, xusto e galego fronte ao espolio e a depredación”, sinalou Navia Rivas, concelleira do BNG.
De feito, Galiza sofre hoxe un boom eólico sen precedentes. As grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e do Estado están a aproveitar a necesidade de desenvolver unha transición enerxética que abandone enerxías fósiles para repetir a historia: facer que Galiza sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade decisión, cun modelo espoliador e depredador deseñado ás nosas costas e ao servizo das grandes empresas, sen participación social e sen garantías de protección medioambiental nin de que o beneficio económico obtido sexa empregado para reverter na xeración de riqueza no noso país.
Sen retorno económico
“Esta expansión eólica está a desenvolverse sen unha adecuada planificación e control público e sen garantías para a participación social, a salvagarda do patrimonio natural e dos usos sociais e económicos do noso territorio”, advertiu.
Así, o BNG reclamará impulsar medidas para garantir a socialización dos beneficios do papel xerador de Galiza e o retorno económico para o noso país, apostando pola constitución dunha empresa pública galega de enerxía e fomentando a participación pública da Xunta e dos concellos galegos así como das persoas propietarias das terras de maneira que xere rendas complementarias. Así mesmo, propón fórmulas de democratización da enerxía como as comunidades enerxéticas, os parques enerxéticos comunitarios e o autoconsumo enerxético.