PLENO

O BNG traslada ao Pleno as demandas da asociación veciñal Francisco Asorey, da Almáciga

Falta de iluminación, contedores sen ancorar ao chan e composteiros sen tapa son algunhas das deficiencias que cómpre arranxar

O BNG traslada ao Pleno as demandas da asociación veciñal Francisco Asorey, da Almáciga

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2017.- O grupo municipal do BNG trasladará ao vindeiro Pleno as demandas da asociación do barrio da Almáciga sobre a falta de iluminación e a necesidade de fixar os contedores para evitar problemas de seguranza viaria.

Nunha xuntanza de Rubén Cela con representantes da asociación veciñal Francisco Asorey, da Almáciga, transmitiron diversos temas relativos á seguranza que o Goberno municipal debe solucionar.

Os contedores están sen ancorar ao chan e cando se produce un temporal de vento desprázanse e quedan deitados polas rúas, o que pode chegar a ocasionar accidentes de tráfico.

Tamén mostraron a súa preocupación pola pouca iluminación que hai na rúa de Touro, posto que se eliminaron as farolas dunha beirarrúa e queda a escuras cando anoitece.

Ademais, reclamaron medidas contra a praga de ratas que apareceu na contorna dos depósitos de elaboración de compostaxe, pois ao careceren de tapa os contedores sérvelles de fonte de alimentación. Requiren un modelo de composteiros con cuberta, como hai noutros barrios, e que se actúe para a eliminación dos roedores nesta zona.

O BNG traslada ao Pleno as demandas da asociación veciñal Francisco Asorey, da Almáciga