PLENO
O BNG traslada ao Pleno as queixas sobre o mal funcionamento da recollida de residuos
Reclama unha campaña de sensibilización sobre o uso de toalliñas hixiénicas para evitar o atasco da rede de saneamento
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2020.- O BNG recibiu numerosas queixas polo mal funcionamento da recollida selectiva de residuos con colectores que rebordan papel, cartón, vidro, plástico, colchóns e todo tipo lixo que fica amoreado durante horas ou días a carón de colectores sen recoller e mesmo en puntos onde nin sequera hai colectores. Así, reclamará no Pleno a mellora da xestión por parte das empresas que prestan este servizo e a realización dunha campaña informativa para crear bos hábitos que favorezan a recollida de residuos.
Se ben nalgúns casos como o do atraso na recollida selectiva pode vir derivado de problemas das empresas que desenvolven este labor, hai unha parte que lle corresponde ao Goberno municipal de darlle publicidade aos teléfonos existentes para a retirada de enseres, así como as indicacións horarias para depositar as bolsas por parte da veciñanza, xunto coa prohibición de amorear o lixo fóra de colectores como acontece diariamente na Cidade histórica.
A isto únese a necesidade de concienciar para evitar que residuos tipo toalliñas hixiénicas, compresas, tampóns, preservativos e aceite se vertan polo inodoro co problema que iso implica de atasco de desaugues, tubaxes e depuración, segundo recolle o texto da proposta do BNG.