O BNG traslada ao Pleno as reivindicacións do comité de empresa de Urbaser sobre a Cidade Histórica
O Goberno local debe velar para que non se depositen bolsas e caixas con botellas fóra dos colectores
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago comprometeuse co comité de empresa de Urbaser a trasladar as súas demandas de seguridade laboral durante os traballos de limpeza na Cidade Histórica.
Logo dunha reunión co comité de empresa de Urbaser, o grupo nacionalista acordou que requirirá no Pleno que na zona histórica, especialmente na rúa do Franco e da Raíña mais tamén na rúa Nova e en Cardenal Payá, existe un incumprimento por parte dos estabelecementos de hostalería da normativa de recollida do lixo.
En concreto, deposítanse as bolsas fóra dos colectores, o que supón un risco de saúde laboral para os traballadores deste servizo, xa que conteñen vidros e outros obxectos punzantes. Cómpre ter en conta que esta modalidade non está permitida na Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria, que estabelece no seu artigo 18.2 que queda expresamente prohibido depositar bolsas ou residuos soltos fóra do colector ou da vía pública. Deste xeito, debe ser o Goberno local quen vele polo seu cumprimento.
Outro dos problemas é que non cumpren os horarios e, así, é frecuente pasear por estas rúas e ver amoreadas caixas con botellas e bolsas de lixo con restos de comida ao pé dos estabelecementos hostaleiros, o que afea a imaxe dunha cidade Patrimonio da Humanidade.
Ademais, isto demostra que non se opta pola reciclaxe de vidro e cartón e, tendo en conta que o Concello de Santiago paga por tonelada recollida, ao consentir esta mala práctica encarécese de xeito innecesario o servizo, ao tempo que non se favorece a sustentabilidade.
Así, o BNG reclamará alternativas para a recollida de lixo que sexan beneficiosas para o persoal que presta o servizo de limpeza, para as arcas municipais e para o medio ambiente, o que repercutirá na mellora da imaxe e hixiene da Cidade Histórica.