O BNG anima a participar na mobilización de SOS Sanidade Pública
O acto contra as discriminacións, as privatizacións e a falta de recursos no sistema galego de saúde será este xoves ás 20:00 na praza do Toural
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2016.- O BNG de Santiago anima a participar na mobilización de SOS Sanidade Pública prevista para este xoves ás 20:00 horas na praza do Toural contra as discriminacións, as privatizacións e a falta de recursos no sistema galego de saúde. Ao remate do acto, a actriz Isabel Risco lerá o manifesto "A sanidade pública en perigo" contra o desmantelamento do sistema público sanitario no noso país.
A plataforma SOS Sanidade Pública, na que está integrado o BNG, denunciou perante a Valedora do Pobo que non se puxo en marcha o Consello de Saúde de Área de Santiago de Compostela, así como a mala calidade dos produtos para inxección de insulina por parte de pacientes con diabetes, a suba excesiva de cota de residentes das residencias do SERGAS e a discriminación na concesión de tratamentos oncolóxicos para pacientes cun mesmo diagnóstico, entre outros temas.
Encontro sectorial con Ana Pontón
Ademais, o BNG ten convocado un encontro sectorial sobre Sanidade e Dependencia coa portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, inserido no proceso de diálogo e interlocución con organizacións e colectivos que na Galiza desenvolven traballo social e pulan por un modelo público e de calidade. Será este mércores 13 de abril ás 17:00 horas no Centro Sociocultural das Fontiñas.