O BNG require que se pinten e iluminen os pasos de peóns con problemas para a seguridade viaria
Na avenida de Lugo faise evidente a necesidade de zonas para cruzar a pé porque se lle dá prioridade ao uso do vehículo privado
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para adoptar melloras de seguridade viaria no relativo á creación de novos pasos peonís, á súa iluminación e pintado correcto.
Así, demandará a instalación de novos pasos peonís na avenida de Lugo e fronte ao pavillón de Sar, a iluminación e instalación de pasos de peóns elevados na contorna do CEIP Ramón Cabanillas, así como a revisión e o repintado da maioría con materiais reflectantes e que ofrezan seguridade a motociclistas cando chove.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, logo das queixas da veciñanza, identificou algún puntos que presentan riscos na seguridade viaria por carecer de pasos peonís ou por estaren mal sinalizados. Hai pasos de peóns nos que os vehículos aparcados ou outros elementos limitan a súa visibilidade, ademais dos que carecen de iluminación adecuada.
O mal estado actual dos pasos de peóns supón un risco tanto para as persoas que circulan a pé como en bicicleta. En concreto, o polígono das Fontiñas é unha zona na que os pasos peonís están mal sinalizados, posto que a pintura desapareceu, ademais de estar mal iluminados. A modo de exemplo, o situado na rúa París, que cruza o alumnado do CEIP as Fontiñas, carece de suficiente visibilidade pola localización anexa dos colectores de residuos. Na avenida de Lugo faise evidente a insuficiencia de pasos de peóns para cruzar e outros teñen o firme en evidente mal estado, con fochos perigosos para as persoas e para os vehículos.
Ademais, falta iluminación e un paso peonil na parada de bus fronte ao Multiusos de Sar e na rúa de Santas Mariñas, zona escolar, cómpre a instalación de sinais verticais e horizontais e novos pasos peonís á altura da beirarrúa, para mellorar a accesibilidade, e contribuír a calmar o tráfico na zona, tema pendente de resolver dende o Pleno de novembro.