O BNG reclama que se arranxe a zona de aparcadoiro da rúa Altiboia
Esta parcela, convertida nunha lameira na actualidade, debe contribuír a mellorar a mobilidade da zona
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, esixiulle ao Goberno local o acondicionamento da zona usada como aparcadoiro público situado nas inmediacións do Conservatorio Profesional de Música e na rúa Altiboia, de acordo co aprobado en sesión plenaria a proposta do grupo municipal do BNG.
Lembra Rubén Cela que esta parcela usada como aparcadoiro público contribúe a mellorar a mobilidade nunha zona onde non hai espazos suficientes para deixar os vehículos, pese a que cada inverno, coas chuvias intensas, se incrementa o seu deterioro. Ademais da pavimentación, require unha ordenación das prazas e sinalización adecuada.
A iniciativa para arranxar esta zona de aparcadoiro, convertida nunha lameira na actualidade, foi aprobada en outubro de 2014 e o BNG incluíu na negociación dos Orzamentos municipais de 2016 esta actuación.